Concello de Narón
Novas
ALGO MÁIS DE 300 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NO XXIII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN
O edil de Deportes, Ibán Santalla, recordou que o evento se desenvolverá durante todo o día no pavillón municipal da Gándara
Narón, 5 de abril de 2024. O pavillón municipal da Gándara acollerá este domingo o XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón, no que participarán algo máis de 300 deportistas procedentes de clubs de varias comunidades. O edil de Deportes, Ibán Santalla, recordou que a proba se desenvolverá dende as 10:00 ata as 20:00 horas e que será puntuable para o ranking nacional. O trofeo disputarase nas modalidades standard, latino, singles, caribeños e danza coreográfica. Na mesma xornada e ubicación, terá lugar o Campionato galego de standard, outra recoñecida competición deportiva na que tamén se poderá desfrutar de deportistas cun gran nivel. No transcurso do acto, segundo avanzou Santalla, procederase a realizar un recoñecemento oficial aos equipos Narón Kids, do Club de Baile Deportivo Narón, que a pasada fin de semana se alzou co título de Campión do mundo na categoría absoluta en Cambrils, e Revolution UPA, da academia naronesa Un Paso Adelante, que nesa mesma convocatoria gañou o campionato do mundo na categoría youth. O edil de Deportes animou á cidadanía a desprazarse ata o pavillón municipal da Gándara ao longo da xornada do domingo para desfrutar do baile deportivo ao máximo nivel e animar aos deportistas que participarán, desexándolles sorte a todos e, especialmente, aos locais.
www.naron.es