Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XXXV CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO DE TENIS DE MESA"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá o evento xunto con Fernando Montero, presidente do Club Tenis de Mesa Narón e Manuel Carrasco, secretario da Federación Galega de Tenis de Mesa
Narón, 21 de marzo de 2024. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá xunto con Fernando Montero, presidente do Club Tenis de Mesa Narón, e Manuel Carrasco, secretario da Federación Galega de Tenis de Mesa, o “XXXV Campionato Galego Absoluto de Tenis de Mesa”. O evento celebrarase esta fin de semana, o sábado e o domingo, no pavillón Campo da Serra, dende as 9:00 ata as 19:00 horas en ambas xornadas. O presidente do Club Tenis de Mesa Narón destacou que se trata do campionato máis importante de Galicia “onde pode participar calquera xogador de calquera categoría”. Montero asegurou que “é unha vantaxe enorme poder xogar na casa” e agradeceu a “predisposición do Concello para organizar este tipo de eventos, algo que non é sinxelo”. Pola súa banda, o secretario da Federación Galega de Tenis de Mesa agradeceu tamén a implicación do Concello e do Club Tenis de Mesa Narón “non só neste evento, senón porque sempre nos dan todas as facilidades e sen eles sería imposible organizar os torneos galegos”. Carrasco eloxiou o labor do club local “por implicarse moito coas bases do tenis de mesa, por iso teñen un club como o que teñen”. Na categoría masculina xogarán equipos do Club Arteal Tenis de Mesa, do Vilagarcía Tenis de Mesa, Club Oroso Tenis de Mesa, Tenis de Mesa Monte Porreiro, Club del Mar de San Amaro, Tenis de Mesa Narón e Finisterre Tenis de Mesa. En canto aos equipos femininos participarán ademais do Tenis de Mesa Narón o Tenis de Mesa Pontevedra, o Tenis de Mesa Monteporreiro e o Club del Mar de San Amaro. O edil de Deportes naronés recalcou tamén o traballo do Tenis de Mesa Narón no ámbito deportivo e o respaldo da Federación Galega de Tenis de Mesa a este evento. “Esta fin de semana poderemos desfrutar na cidade dun campionato moi importante no que desexamos o maior dos éxitos ao club local”, asegurou Santalla, que animou á cidadanía a acudir ao evento e animar aos xogadores e xogadoras.
www.naron.es