Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA VALOROU OS POSTOS ACADADOS POLOS DEPORTISTAS LOCAIS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS CELEBRADO NO PAVILLÓN DA GÁNDARA
Marián Ferreiro e o edil de Deportes, José Oreona, presenciaron as competicións que se levaron a cabo esta fin de semana na cidade
Narón, 26 de xuño de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou o papel dos deportistas locais do Club de Baile Deportivo Narón (CBDN) e Un Paso Adelante (UPA) no Campionato de España de Latinos celebrado no pavillón polideportivo da Gándara. “Quero felicitalos polos resultados obtidos, froito de moito traballo pola súa parte, do que nos sentimos moi orgullosas e orgullosos dende o Concello de Narón”, asegurou Ferreiro. Na categoría Xuvenil quedaron no terceiro posto da clasificación Cristian Lorenzo e Claudia Rodríguez, se ben Raúl Rodríguez e Lucía Cascudo foron finalistas sub-21; José Rosende e María del Carmen Vázquez, sextos Sénior III; David López e Jéssica García, primeiros Sénior I e Carlos Casal e Marta Castaño quintos na categoría absoluta. “Unha vez máis Narón estivo moi ben representado nun campionato de gran nivel, donde puidemos desfrutar do baile deportivo na súa máxima expresión”, apuntou a rexedora local. Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presenciaron as competicións que se desenvoven dende o pasado venres de xeito simultáneo no pavillón da Gándara e no Pazo da Cultura. Máis de 3.000 deportistas déronse cita nestas probas que incluíron o pasado venres o Grand Slam, unha das tres competicións que se celebran este ano a nivel mundial. O Concello de Narón organizou o evento coa Federación Española de Baile Deportivo, a World Dance Sport Federation (WDSF), o Dance Sport Team e o Club de Baile Deportivo Narón. Esta tarde continuarán as competicións no pavillón polideportivo da Gándara, co Grand Slam Latinos e no Pazo da Cultura, donde terá lugar o “XXI Trofeo Cidade de Narón”. “A convocatoria destes eventos deportivos de máximo nivel supuxo tamén un gran revulsivo para a nosa cidade e resto da comarca, donde os sectores da hostelería, o comercio e o turismo rexistraron unha importante afluencia de persoas que viñeron a Narón a participar ou a desfrutar destas tres xornadas de baile deportivo”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa reiterou o seu agradecemento “a todas as entidades e persoas que fixeron posible a celebración destes eventos na cidade”. Os horarios das competicións previstas esta tarde pódense consultar a través da web da Federación Española de Baile Deportivo, no enlace: http://bailegalicia.net/index.php/naron2022/.
www.naron.es