Novas
 
A ALCALDESA VISITOU CO PRESIDENTE DO CLUB DE ATLETISMO NARÓN A NOVA PISTA DE LANZAMENTOS DE RÍO SECO
Marián Ferreiro e Miguel Soto desprazáronse ás instalacións xunto co edil de Obras, Pablo Mauriz, e o de Deportes, José Oreona
Narón, 20 de xuño de 2022. As inmediacións do Estadio de Río Seco dispoñen xa dunha pista de lanzamentos, que proximamente estará operativa, habilitada para a práctica deste deporte. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Obras, Pablo Mauriz, e Deportes, José Oreona, desprazáronse esta mañá á zona para ver os traballos executados xunto con Miguel Soto, presidente do Club de Atletismo Narón. “Dende o goberno local adquirimos os terreos necesarios para habilitar estas novas instalacións e, a maiores, destinamos unha partida de preto de 127.000 euros para a súa construción, co obxectivo de poñela a disposición das persoas que practican este deporte”, subliñou Ferreiro.
O terreo sobre o que se ubica ten unha superficie duns 4.500 metros cadrados. “A pista de lanzamentos era unha necesidade no ámbito deportivo de Narón, donde cada ano son máis persoas as que practican esta disciplina, que ata o momento adestraban dentro do recinto do Estadio de Río Seco atendendo aos horarios doutras actividades”, explicou a rexedora local. Coa posta en funcionamento do espazo para lanzamento de xabalina, disco, martillo e peso, “o Concello realizará agora os trámites precisos para homologar as instalacións co fin de poder realizar competicións de lanzamento”.
Os traballos consistiron na habilitación de espazo de lanzamento, rúas, sinalizacións e a construción dunha gaiola metálica coas súas cimentacións –agora haberá unha para adestrar e outra para competicións-, executadas seguindo a normativa e as especificacións da Federación Galega de Atletismo, tal e como se contempla no proxecto.
A maiores das instalacións para a práctica do lanzamento, os traballos executados con cargo a este proxecto incluíron tamén o peche do novo recinto e do resto da parcela e a habilitación dun espazo que servirá como almacén para dar servizo a estas actividades, duns 20 metros cadrados de superficie.
“É unha satisfacción seguir ampliando e mellorando as instalacións deportivas de Narón, un traballo que compensa o feito de que cada día son máis as persoas que fan uso delas e que sitúan a Narón como un referente en múltiples disciplinas grazas ao seu esforzo e dedicación, “subliñou Ferreiro.



Últimas noticias
A ALCALDESA E O PRESIDENTE DA FEBD DESTACARON O COMPROMISO DE NARÓN CO BAILE DEPORTIVO
UN CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARON HOXE NA ANDAINA DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS" POLA RUTA DOS MUÍÑOS
A ALCALDESA VALOROU OS POSTOS ACADADOS POLOS DEPORTISTAS LOCAIS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS CELEBRADO NO PAVILLÓN DA GÁNDARA
ÚLTIMAS PRAZAS PARA AS SESIÓNS DE IOGA NOS PARQUES DE FREIXEIRO E XUVIA OS MESES DE XULLO E AGOSTO
O CONCELLO E O CLUB DE REMO NARÓN PRESENTARON A TRAIÑEIRA DA ENTIDADE DEPORTIVA NA PRAZA DE GALICIA

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal