Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA PRIMEIRA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O concelleiro de Deportes, José Oreona, recordou que o primeiro percorrido desta edición será pola zona do Camiño Inglés
Narón, 18 de abril de 2022. As persoas que desexen asistir á primeira das andainas da nova edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós” poden anotarse hoxe, mañá e o mércores –ata esgotar as prazas dispoñibles, un total de 150- nas oficinas do Padroado de Deportes (estrada da Gándara, 148), de 8.30 a 13.00 horas. O prezo por persoa é de cinco euros e poderán asistir menores de idade no caso de que vaian acompañados polo pai/nai, ou titor/a. O edil de Deportes, José Oreona, indicou que a cita terá lugar o vindeiro domingo, día 24, cun percorrido duns doce quilómetros polo Camiño Inglés, o mosteiro do Couto, a rúa Cornido, a zona da Picota e o parque do Couto. “Paseando por Narón” é o título desta primeira convocatoria, na que os participantes sairán ás 9.30 horas do pavillón polideportivo municipal da Gándara, que será tamén o punto de chegada unha vez realizado o percorrido. O programa “Ponte en ruta con nós” continuará nos meses de maio e xuño. No primeiro caso, o día 29 terá lugar a andaina “Pena Molexa e Monte da Lagoa”, con saída do Centro Cívico Social do Val ás 9.15 horas, para percorrer a zona da Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, o Casal e o Monte da Lagoa, en total un tramo duns doce quilómetros. As persoas interesadas en inscribirse deberán facelo os días 23, 24 e 25 de maio nas instalacións do polideporivo da Gándara. A terceira das andainas programadas nesta edición será o 26 de xuño pola “Ruta dos muíños”, con saída ás 9.30 horas do mosteiro do Couto. O percorrido é duns 10,5 quilómetros, entre o citado mosteiro e a área recreativa de Pedroso, dispoñendo de servizo de autobús para trasladar aos participantes ao remate da andaina de novo ata o cenobio do Couto. Os días 17, 20 e 21 de xuño poderán tramitarse as inscricións.
www.naron.es