Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ORGANIZA A PRIMEIRA "CONVENCIÓN CIDADE DE NARÓN DE DEFENSA PERSOAL"
O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado por Javier Naveiras e Pablo Rivera, presidente e integrante respectivamente do Club Krav Magá Narón
Narón, 13 de abril de 2022. A Casa da Mocidade acollerá o vindeiro 23 de abril a primeira edición da “Convención Cidade de Narón de Defensa Persoal”. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá o evento acompañado por Javier Naveiras, presidente e instrutor do Club Krav Magá Narón e de Pablo Rivera, integrante do citado club local. Oreona explicou que a convocatoria está dirixida a adolescentes e persoas adultas, que participarán na mesma durante unhas catro horas, de 10.00 a 14.00. O Maestro Cho –Combar Taekwondo Korean-, Javier Naveiras –Krav Magá-, Javier Santos –Krav Magá-Kidu System, Maestro Paolo –Hapkido- e Mikel –Krav Magá e Técnicas Intervención policial- serán os encargados de impartir as sesións, con prazas limitadas e grupos de diferentes niveis. “Trátase dunha proposta enfocada á defensa persoal, axustada ás persoas que participarán no curso, con grupos de iniciación e outros máis elevados para grupos de seguridade como vixiantes ou policías, en definitiva para que a xente estea a gusto no seu nivel”, indicou Naveiras. Pola súa banda, Pablo Rivera destacou o nivel das persoas que participarán nesta convención, amosando a confianza do club en o Concello poida organizar unha nova edición en colaboración co club Krav Magá Narón. As persoas interesadas en participar poden inscribirse e obter toda a información desta convocatoria a través da web: e www.kravmaganaron.es e do correo electrónico: info@kravmaganaron.es.
www.naron.es