Novas
 
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XXI TORNEO DE TENIS DE MESA CIDADE DE NARÓN"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento co edil de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero
Narón, 1 de decembro de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá no Concello co edil de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, a vixésimo primeira edición do Torneo de Tenis de Mesa Cidade de Narón. O evento deportivo, tal e como indicou Ferreiro, celebrarase esta fin de semana, os días 4 e 5, no pavillón Campo da Serra, en horario de mañá e tarde nas dúas xornadas. Así mesmo, a rexedora local avanzou que se disputará o primeiro Memorial Jorge Martín, en homenaxe e recordo á figura deste naronés que destacou no Tenis de Mesa, gañando varios campionatos, e moi implicado con este deporte e co club naronés, entre outros.
Uns 150 deportistas participarán neste torneo, que tal e como asegurou Montero, “abre moitas portas para poder disputar o campionato galego de tenis de mesa, xa que para poder asistir é necesario ter participado antes nun torneo do circuíto e o de Narón será un deles”. O presidente do club naronés agradeceu a colaboración do Concello “porque sempre que propoñemos este tipo de actividades está aberto a implicarse, o que é moi positivo para o Concello e tamén para nós como club”.
Os partidos do sábado desenvolveranse entre as 9.30 e as 19.00 horas e na xornada do domingo serán de 10.00 a 17.00. Asistirán clubs de toda Galicia e de Narón participarán medio cento de deportistas. “Será a primeira vez que se dispute unha proba prebenxamín feminina neste torneo”, asegurou Montero.
A alcaldesa e o edil de Deportes felicitaron ao club polo seu traballo e reiteraron as súas felicitacións ao seu presidente, que recibiu no transcurso da XXXII Gala do Deporte de Narón 2021 unha distinción en recoñecemento ao traballo, dedicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello. “É moi importante para unha cidade como Narón poder contar con un club como o de Tenis de mesa, cunha gran traxectoria e que xunto co resto de clubs locais enriquece o tecido deportivo da nosa cidade”, subliñou Ferreiro.



Últimas noticias
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XXI TORNEO DE TENIS DE MESA CIDADE DE NARÓN"
JONATHAN FERNÁNDEZ E BEGOÑA PACIO, CAMPIÓNS ABSOLUTOS DO "XXXV MEMORIAL ADOLFO ROS VOLTA Á RÍA"
O CONCELLO ABRIRÁ O VINDEIRO LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NO EVENTO "ATRINTAEUNDOCE", A SAN SILVESTRE DE NARÓN
A ALCALDESA REUNIUSE CON PERSOAL DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE BAILE DEPORTIVO QUE PARTICIPA NUNHAS XORNADAS DE TECNIFICACIÓN BREAKING
OS PAVILLÓNS MUNICIPAIS DA SOLAINA E CAMPO DA SERRA ACOLLERÁN ESTE SÁBADO OS CAMPIONATOS GALEGOS DE VOLEIBOL

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal