Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ANUNCIOU A CELEBRACIÓN O VINDEIRO ANO DAS "21LEGUAS DE NARÓN" POLOS CONCELLOS DE NARÓN, FERROL E VALDOVIÑO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento co edil de Deportes de Narón, José Oreona, o Coronel Xefe da Xunta de Educación Física e Deportes da Armada, José Luis Torres, e o presidente da Asociación 21Leguas, Óscar Somorrostro
Narón, 29 de novembro de 2021. A acaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou esta mañá no Café Teatro do Pazo da Cultura o evento "21Leguas de Narón" acompañada polo concelleiro de Deportes, José Oreona; o Coronel Xefe da Xunta de Educación Física e Deportes da Armada, José Luis Torres, e o presidente da Asociación 21Leguas, Óscar Somorrostro. Ferreiro avanzou que esta proba deportiva se celebrará os días 8 e 9 de outubro de 2022 e que o percorrido, de 101 quilómetros en 24 horas, terá saída e meta no paseo de Xuvia e discurrirá tamén en parte polos termos municipais de Ferrol e Valdoviño. Ferreiro explicou que o Concello organiza o evento coa Asociación 21Leguas e recalcou que a maiores do que suporá no ámbito deportivo, “tamén será unha excelente oportunidade para promocionar novamente o noso patrimonio, o de Narón e o dos concellos de Valdoviño e Ferrol, por donde discurre o tramo que percorrerán os deportistas a pé ou en bicicleta de montaña”. A rexedora local asegurou ter constancia de que “a colaboración da Armada foi dende o minuto un”, feito que agradeceu ao Coronel Xefe da Xunta de Educación Física e Deportes da Armada, José Luis Torres. Ferreiro agradeceu tamén a colaboración dos concellos de Ferrol, Valdoviño –acudiu á presentación o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra- e Neda, este último polo apoio loxístico para o desenvolvemento do evento, así como o de empresas e outras entidades, como a Asociación de Concellos do Camiño Inglés que respaldan a convocatoria. A continuación, Óscar Somorrostro apuntou que “cando ti plantexas un proxecto destas características ao Concello e en lugar de sumarse ao mesmo ponse á fronte del, que foi o que aconteceu neste caso, é moi de agradecer”. O presidente da Asociación 21 Leguas subliñou que “Narón é un Concello punteiro en Deportes" e destacou “o arraigo da Armada, que aporta o carisma que buscamos para esta proba”. En canto á mesma, Somorrostro avanzou que se trata dun circuíto circular con saída e meta en Xuvia, con accesos fáciles que permiten xestionar a gran afluencia de xente que se espera. Consta de tres partes diferenciadas, unha urbana que sae polo Camiño de Santiago e inclúe o patrimonio militar e industrial, polo Arsenal, Armada, Navantia, o Porto de Ferrol; a segunda zona é a máis ampla, pola Costa Ártabra, unha paraxe espectacular pola zona costeira e o final da proba é dende Valdoviño ata Xuvia, a zona máis agreste, de monte e río, característica do noso entorno e quizáis a máis dura porque moita xente vaina facer de noite. O Coronel Xefe da Xunta de Educación Física e Deportes da Armada calificou de “espectacular” o percorrido que se vai realizar e asegurou que “hoxe en día hai moita demanda deste tipo de probas”. En canto á colaboración da Armada, unha vez máis confirmou que “dentro dos medios que ten está disposta a colaborar e a traballar con vós en todo o que poidamos para que sexa un éxito, que o será seguro e unha oportunidade para Narón e o resto de concellos”. Finalmente, o concelleiro de Deportes de Narón rereiterou o agradecemento á colaboración de todas as persoas implicadas e recordou que a iniciativa se plantexou hai dous anos. Destacou Oreona a aposta da alcaldesa para convocar este evento deportivo na cidade dende que se plantexou esa posibilidade e indicou que neste tempo que queda ata a celebración do evento “continuaremos traballando en todo o que require unha proba deste nivel”.
www.naron.es