Novas
 
MARIÁN FERREIRO ENTREGOU AO FUTBOLISTA ADRIÁN MARTÍNEZ VARA O PREMIO AO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2021"
O Pazo da Cultura acolleu onte a trixésimo segunda edición da Gala do Deporte de Narón
Narón, 19 de novembro de 2021. Unhas setecentas persoas déronse cita esta noite no Pazo da Cultura para asistir á trixésimo segunda edición da Gala do Deporte de Narón. O evento deu comezo ás 21.00 horas e nesta ocasión a alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou ao remate do acto como é tradicional, o premio “Mellor Deportista de Narón 2021” ao futbolista Adrián Martínez Vara, do Club Parrulo Ferrol. No transcurso da Gala a rexedora local estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e outros concelleiros e concelleiras da corporación local que se encargaron tamén de entregar as distincións a outros deportistas en diferentes modalidades.
Adrián Martínez Vara comezou a súa andaina deportiva na Sociedade Deportiva O Freixo, de Narón, destacando xa nas categorías inferiores. Na tempada 1999-2000 pasou a formar parte do Parrulo Ferrol, ata a tempada 2004-2005, cando fichou polo Azkar Lugo e a súa gran proxección levouno a fichar na tempada 2011-2012 polo Pozo de Murcia, equipo co que acadou dúas supercopas de España (2012 e 2014) e a Copa do Rei (2016). Posteriormente fichou polo Sport Club KPRF (máxima división da liga rusa) e no ano 2017 regresa ao Parrulo Ferrol, en cuxas filas milita na actualidade. Atesoura varios logros deportivos na súa traxectoria, como unha recopa de Europa e recentemente participou no Campionato do Mundo de selección celebrado en Lituania, sendo un dos xogadores máis destacados do combinado nacional.
A alcaldesa aludiu na súa intervención aos efectos da pandemia, que impediu celebrar o pasado ano este evento. “Narón demostrou ser terra de xente solidaria, positiva, que nunca se rende e fai fronte ás maiores dificultades de forma unida. Demostramos ser unha terra de xente resiliente”. Así mesmo, destacou os valores dos deportistas e o seu “exemplo insuperable”, agradecendo o seu traballo e o das directivas, clubs, Padroado de Deportes, familias… “Todas e todos vós, o mundo do deporte, asumistes unha actitude positiva, buscando solucións onde era fácil ver só problemas, amosastes unha capacidade de adaptación admirable, mirastes cara adiante cando todo era escuro”, subliñou.
Ferreiro fixo público o seu orgullo polos deportistas naroneses e destacou o apoio do Concello a esta área, coa execución de obras como o campo de herba artificial de Río Seco, a reforma do ximnasio do polideportivo, e outras que se materializarán en breve, como o novo tapiz de herba artificial no campo do Cadaval, unha pista de lanzamento en Río do Pozo, a reforma dos locais dos clubs de remo e piragüismo e unha instalación de tiro con arco. Finalmente, a alcaldesa felicitou aos deportistas en xeral e aos distinguidos na gala en particular e comprometeu a continuidade do apoio do Concello, recalcando que “en Narón, somos deporte”.
O concelleiro de Deportes, pola súa banda, recoñeceu que o Concello retomou este evento “coa mesma ilusión e as mesmas ganas de felicitar públicamente ao tecido deportivo da cidade” e destacou o nivel dos deportistas naroneses, a súa dedicación e entrega. Facendo un guiño a todas as modalidades deportivas, Oreona destacou o esforzo realizado polas persoas que practican as diferentes modalidades deportivas, un esforzo maior no último ano e medio debido á pandemia da covid-19 e ás restricións que impuxo en cada momento.
No transcurso do evento nomeouse aos Deportistas do ano nas modalidades de atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, colombofilia, esgrima antiga, fútbol, fútbol sala, golf, kárate, kick boxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye slot, remo, silvestrismo, tenis de Mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, xadrez, ximnasia artística e ximnasia rítmica.
Así mesmo, entregáronse tamén as Mencións Especiais á Mellor promesa a Martín López González, do Cabanas KDM, Sofía Couce Ínsua, do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, e a Antía Otero Vilar, do Club Atletismo Narón; as Mellores traxectorias deportivas recaron en Sara Guerrero Manso, da Agrupación Deportiva Náutico Narón, David López e Jessica García, do Club de Baile Deportivo Un Paso Adelante e Diaou Diallo Chao, do Club de Atletismo “Ría de Ferrol”. O premio de Mellor Adestrador foi para Lino López Amado, do Baxi Ferrol.
Outro dos premios foi en recoñecemento ao traballo, dedicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello, que se concedeu a Fernando Montero Bellas, do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón e houbo unha mención especial pola promoción de Narón no deporte para Bruno García Formoso, seleccionador nacional absoluto de Xapón. A continuación concedeuse o premio en recoñecemento ao fomento dos valores do deporte, en especial á superación deportiva amosada ao longo dos anos e exemplo da vida deportiva, que foi para José Vicente Rioseco López, do Club Atletismo Narón e o premio ao Mellor club foi para o Club de Remo Narón.
A convocatoria contou tamén cun apartado musical, amenizando o evento A Banda do Garaxe, formación musical da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que integran mozas e mozos de Narón e comarca e tamén houbo exhibicións de baile deportivo.
A XXXII Gala do Deporte de Narón rematou co acto de entrega do premio a Adrián Martínez Vara como Mellor deportista de Narón do ano 2021, de mans da alcaldesa, Marián Ferreiro, e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo desta edición do evento.


Descarga de archivos
Mencións e premiosTamaño:
249,30 KB
Descargar


Últimas noticias
MARIÁN FERREIRO ENTREGOU AO FUTBOLISTA ADRIÁN MARTÍNEZ VARA O PREMIO AO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2021"
UN CENTENAR DE DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXVIII TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN"
O CONCELLO ANUNCIOU A CELEBRACIÓN O VINDEIRO ANO DAS "21LEGUAS DE NARÓN" POLOS CONCELLOS DE NARÓN, FERROL E VALDOVIÑO
A PISCINA TERAPÉUTICA DA GÁNDARA REABRIRÁ MAÑÁ PARA OS CURSOS DE GRUPOS DE NATACIÓN TERAPÉUTICA, DE BEBÉS E NADO LIBRE
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XXI TORNEO DE TENIS DE MESA CIDADE DE NARÓN"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal