Novas
 
PISTOLETAZO DE SAÍDA PARA AS INSCRICIÓNS NO "XXXV MEMORIAL ADOLFO ROS VOLTA Á RÍA"
Os concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda organziaron conxuntamente este evento, que se disputará o 12 de decembro ás 10.00 horas
Neda, 19 de novembro do 2021. Os concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda presentaban esta mañá a XXXV edición do Memorial Adolfo Ros Volta á Ría. Un acto celebrado na casa consistorial de Neda que marcaba a apertura do prazo de inscricións. No mesmo, tomaban parte as concelleiras e concelleiros de Deportes dos municipios organizadores, Ángeles Coira (Fene), José Oreona (Narón), Antonio Golpe (Ferrol) e Ángeles Puentes (Neda), concello no que este ano recaeu a dirección da proba.
A carreira, incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo, arrancará ás 10:00 horas do 12 de decembro. A saída e chegada estará situada na rúa Camiño do Regueiro, en Neda, e o percorrido será de media maratón, duns 21 kms sobre asfalto.
Discurrirá polos seguintes puntos: Neda (rúa Camiño do Regueiro e Avenida Alxeciras); Fene (Avenida Conces, Cruce Igrexa, Avenida das Pías, Avenida do Mar), Ferrol (rúa Telleiras, Avenida de Esteiro, estrada de Caranza, Avenida Mac Mahón, rúa Taxonera, rúa Irmandiños, praza de Galicia, rúa Concepción Arenal, rúa Real, praza de España, rúa Carvalho Calero, estrada de Castela); Narón (Ponte das Cabras, estrada de Castela, rotonda de Freixeiro, estrada de Castela) e Neda (ponte de Xuvia, Avenida de Xuvia, Toeleira, Santa María, Avenida de Alxeciras e rúa Camiño do Regueiro).
O itinerario estará sinalado cada 5 quilómetros, como mínimo, establecéndose controis e postos de avituallamento nos 4 municipios (km. 5, 10, 15 e 20). A proba está aberta a todos/as os/as atletas, federados/as ou non, nados no ano 2003 e anteriores.
Así mesmo, establécense varias categorías: absolutas (Sub 20, Sub 23, sénior, Máster A, B, C e D, cadeira de rodas, handbike e invidentes) e menores -non oficiais da Federación Galega de Atletismo- (Sub 18, Sub 16, Sub 14, Sub 12, Sub 10 e Sub 8). Estas últimas, terán lugar na zona dos Subarreiros, cos mesmos puntos de saída e chegada que a media maratón, e diferentes distancias segundo a categoría, entre os 800 e 4.000 metros.
INSCRICIÓNS
A inscrición pode formalizarse na web www.carreirasgalegas.com ata o venres 3 de decembro ás 23:59 euros. A cuota é de 4 euros na media maratón, namentras que as carreiras de menores serán gratuítas. Así mesmo, e dado o contexto actual, haberá un límite de prazas, ascendendo a 1.000 no caso das categorías absolutas e de 50 participantes por categoría nas de menores.
A retirada de chip e dorsal poderá realizarse no Centro Cívico de Neda o venres 10 de decembro en horario de 16 a 19 h; o sábado 11 de decembro de 10 a 12 h, e o mesmo día da carreira entre as 9 e as 9,30 h.
PREMIOS
Así mesmo, haberá premios para o gañador e a gañadora absoluta da proba, para os 3 primeiros clasificados (masculinos e femininos) da clasificación xeral veciños/as dos 4 concellos organizadores, e para os 3 primeiros clasificados de cada categoría (masculina e feminina), tanto absoluta como de menores. O acto celebrarase ás 13 h no pavillón de San Isidro.
Nesta liña, os 4 concelleiros incidiron nos esforzos realizados pola organización para adaptar a carreira aos protocolos de prevención fronte á covid-19, seguindo escrupulosamente as directrices da Federación Galega de Atletismo, certificadas á súa vez pola Secretaría Xeral para o Deporte.
Finalmente, agradecían a implicación dos Corpos e Forzas de Seguridade, dende a Garda Civil ata as Policías Locais dos 4 concellos, así como á colaboración das Agrupacións Locais de Protección Civil. Un traballo que resultará clave para o desenvolvemento da cita.
As bases poden consultarse nas páxinas web dos concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda.


Descarga de archivos
Regulamento Memorial Adolfo RosTamaño:
2,25 MB
Descargar


Últimas noticias
MARIÁN FERREIRO ENTREGOU AO FUTBOLISTA ADRIÁN MARTÍNEZ VARA O PREMIO AO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2021"
UN CENTENAR DE DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXVIII TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN"
O CONCELLO ANUNCIOU A CELEBRACIÓN O VINDEIRO ANO DAS "21LEGUAS DE NARÓN" POLOS CONCELLOS DE NARÓN, FERROL E VALDOVIÑO
A PISCINA TERAPÉUTICA DA GÁNDARA REABRIRÁ MAÑÁ PARA OS CURSOS DE GRUPOS DE NATACIÓN TERAPÉUTICA, DE BEBÉS E NADO LIBRE
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XXI TORNEO DE TENIS DE MESA CIDADE DE NARÓN"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal