Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA E O EDIL DE DEPORTES RECIBIRON NO CONCELLO AO CLUB DE REMO NARÓN
Marián Ferreiro e José Oreona felicitaron aos representantes do club local polo ascenso á división A da Liga Galega de Traiñeiras
Narón, 21 de outubro de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, recibiron onte no Concello aos integrantes do Club de Remo Narón, trala súa recente participación na Liga Galega de Traiñeiras. A tripulación naronesa foi a primeira clasificada da categoría B, o que supuxo o ascenso directo á división A desta Liga. O equipo local conta ademais cos premios á Mellor patrona da Liga B e ao equipo revelación das Ligas, quedando tamén no cuarto posto na Bandeira da Deputación da Coruña. O presidente do club naronés, Martín Martínez agradeceu o apoio do Concello de Narón, recalcando que “resulta imprescindible para o desenvolvemento das nosas actividades e para a consecución das nosas ambicións e obxectivos deportivos”. Ferreiro e Oreona felicitaron aos representantes do Club de Remo Narón que se achegaron ao Concello polo traballo que realizan e polos éxitos acadados nesta disciplina deportiva. Así mesmo, desexáronlles moita sorte nas vindeiras competicións que disputarán xa formando parte da división A da Liga galega, amosando a súa confianza en que, coñecendo a traxectoria deportiva do equipo, lograrán novos recoñecementos.
www.naron.es