Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN DA GÁNDARA ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO O "III TROFEO CIDADE DE NARÓN DE FÚTBOL SALA FEMININO"
O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do club A Fervenza, José Ángel Veiga, presentaron esta mañá o evento deportivo no Consistorio
Narón, 15 de setembro de 2021. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do Club A Fervenza, José Ángel Veiga, presentaron hoxe a terceira edición do “Trofeo Cidade de Narón de fútbol sala feminino”. O evento deportivo terá lugar este sábado, día 18, nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara, ás 18.00 horas, e a entrada é de balde, tal e como indicou o edil naronés. As xogadoras do club A Fervenza FSF enfrontaranse na pista ás do Rodiles Fútbol sala, un equipo procedente de Asturias. O edil de Deportes destacou a traxectoria do club A Fervenza, o único de Galicia que ten equipos en todas as categorías de fútbol sala feminino. Oreona valorou o feito de que “este ano poidamos celebrar unha nova edición deste evento deportivo na nosa cidade, xa que debido á pandemia non foi posible convocalo antes” e animou á veciñanza a acudir a esta cita deportiva para animar ás xogadoras e desfrutar do fútbol sala feminino. Pola súa banda, o presidente do club A Fervenza agradeceu a colaboración do Concello de Narón “ao que nos une unha gran amizade e que nos deixa utilizar as súas instalacións sobre todo o pavillón das Lagoas, donde nos sentimos como na casa”.
www.naron.es