Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN DA GÁNDARA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO O "XXVII TORNEO DE BALONMÁN CIDADE DE NARÓN"
O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do club Balonmán Narón, Rubén Fernández, presentaron o evento
Narón, 9 de setembro de 2021. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do club Balonmán Narón, Rubén Fernández, presentaron esta mañá no Concello a vixésimo sétima edición do Torneo de Balomán Cidade de Narón. Este evento deportivo desenvolverase o vindeiro sábado, día 11, no pavillón polideportivo da Gándara e participarán no mesmo, tal e como indicou Oreona, as categorías cadete e sénior do Balonmán Narón e do Arteixo Balonmán. A cita cos cadetes será ás 17.00 horas e a categoría sénior xogará a partir das 19.30 horas. O concelleiro naronés destacou que se trata “dun dos torneos máis consolidados na cidade, que o ano pasado non se puido celebrar debido á pandemia”. Así mesmo, Oreona felicitou ao presidente do club naronés polo recente ascenso a primeira división galega. “É un partido amistoso que aprazamos pola pandemia e que nos servirá de preparación para a tempada que comeza a vindeira semana en Porriño para a Copa”, explicou Rubén Fernández, que agradeceu a colaboración e as felicitacións do Concello. O representante do club recordou, aludindo ao deporte base, que os menores de entre 8 e 15 anos que desexen iniciarse no balonmán poden acudir de balde este mes á escola deportiva do club. As persoas que desexen asistir ao partido poden rexistrarse a través da aplicación “Cluber”, donde facilitarán os seus datos e lles enviarán un código QR que lles permitirá acceder ao recinto deportivo o día do partido. Así mesmo, tamén se poderán inscribir o mesmo día, a partir das 16.30 horas, no acceso do pavillón polideportivo da Gándara, a través das redes sociais do Club Balonmán Narón –Instagram e Facebook-, no correo electrónico: balonmannaron@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 689 045 233. As instalacións da Gándara teñen a capacidade limitada a un máximo de 400 persoas. Oreona desexou moita sorte ao club local e animou á veciñanza a acudir a esta cita deportiva, con entrada de balde.
www.naron.es