Concello de Narón
Novas
O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS E ACTIVIDADES CONVENIADAS E DE CLUBS NO PADROADO DE DEPORTES ABRIRÁ A VINDEIRA SEMANA
O edil de Deportes, José Oreona, especificou que o período para anotarse rematará o vindeiro 30 de setembro para as altas en actividades do vindeiro curso
Narón, 2 de setembro de 2021. O Padroado de Deportes de Narón abrirá o 8 de setembro para as veciñas e veciños de Narón e posuidores do bono familiar o prazo de inscricións da tempada 2021-2022 nas piscinas, escolas deportivas do pavillón, conveniadas, de clubs e ximnasio, mentres que as persoas doutros concellos deberán facelo a partir do vindeiro día 20 e ata o 30 deste mes. As inscricións deben tramitarse nas oficinas do complexo polideportivo da Gándara, en horario de 8.30 a 13.30, tal e como indicou o edil de Deportes, José Oreona. No caso das escolas deportivas do complexo polideportivo e piscina da Gándara e actividades de nado libre, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación, indicouse que a tempada 2021-2022 comezará o 1 de outubro, segundo as actuais previsións. No que respecta ás actividades conveniadas e outras de clubs –atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, boxeo, kick boxing, patinaxe artística…- a inscrición levarase a cabo nos propios clubs, podendo tamén informarse sobre as mesmas nas oficinas do complexo polideportivo municipal da Gándara. As persoas que en xuño estivesen inscritas nas actividades continuarán dadas de alta a non ser que tramiten a baixa, xestión que poden facer ata o vindeiro 14 de setembro no rexistro xeral do Concello, no Padroado de Deportes ou na Sede Electrónica do Concello de Narón. Oreona incidiu en que as datas que actualmente se manexan para o inicio das actividades están supeditadas á situación sanitaria de cada momento. “Temos unha ampla oferta de propostas para as veciñas e veciños de Narón e abertas tamén a persoas doutros concellos, o que fai deste concello todo un referente na área deportiva”, destacou o edil naronés. As persoas que desexen recibir máis información poden dirixirse ao complexo polideportivo municipal da Gándara, no número 148 da estrada da Gándara, ou chamar ao teléfono 981 387 522.
www.naron.es