Concello de Narón
Novas
PRESENTADA NO CONCELLO A SEGUNDA EDICIÓN DE OCR CIDADE DE NARÓN
O concelleiro de Deportes agradeceu o traballo da organización e recalcou a aposta do goberno local por consolidar propostas deportivas para a veciñanza de Narón e persoas achegadas doutros concellos
Narón, 30 de agosto de 2021. O Concelleiro de Deportes, José Oreona, e os representantes do Club NHD Adventure, David López e Jorge Prado, presidente e tesoureiro respectivamente da entidade, presentaron esta mañá no Concello a segunda edición de OCR Cidade de Narón que se desenvolverá na pista de obstáculos de Narón, localizada no polígono de Río do Pozo. Esta actividade deportiva, organizada por NHF Adventure coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello de Narón terá lugar o domingo 5 de setembro e conta con case 300 persoas inscritas. A proba consta dun percorrido de 7 km e 35 obstáculos para as persoas adultas e 1 km e 11 obstáculos para os nenos e nenas entre 4 e 11 anos. As categorías coas que conta a OCR Cidade de Narón son: - ELITE, categoría competitiva, para deportistas con máis preparación, na que participan individualmente e por clubs. - POPULAR, categoría para todos os públicos na que se pode participar individualmente ou por equipos. Ambas categorías son puntuables para a Liga Galega de carreiras de obstáculos. - KIDS, categoría dividida en dous grupos de idades comprendidas entre 4 a 7 anos e entre 8 a 11 anos Nas inscricións realizadas un 33% son mulleres. Na participación xeral un 55% das inscricións proceden da provincia de A Coruña, un 15% de Pontevedra, un 10% de Lugo, un 6% de Ourense, un 6% de Asturias, un 5% de León e un 3% de Salamanca. Os representantes do club NH Adventure incidiron en que actualmente esta carreira de obstáculos conta co maior número de inscritos de OCR en Galicia en 2021 e o proxecto para o futuro pretende situar a OCR Cidade de Narón no Top 3 xunto a Vigo e A Coruña, agradeceron ao Concello e ao seu Padroado de Deportes a colaboración recibida neste proxecto, constituindose en sede desta segunda edición, e recordaron que a proba deportiva contará coas medidas de seguridade e prevención vixentes nese momento derivadas da Covid-19. O concelleiro de Deportes, José Oreona, agradeceu a implicación e o traballo desenvolvido desde o Club NHD Adventure para facer desta proba un referente deportivo do noso concello, dentro e fora da comarca, para todas as persoas participantes e público en xeral.
www.naron.es