Concello de Narón
Novas
PRESENTADA NO CONCELLO A XIV EDICIÓN DO TORNEO DE GOLF CIDADE DE NARÓN
O torneo desenvolverase o venres día 20 ás 15.00 horas e o sábado día 21 de agosto ás 9.00 e ás 15.00 horas no Club de Golf Campomar da parroquia do Val
Narón, 19 de agosto de 2021. A décimo cuarta edición do Torneo de Golf Cidade de Narón celebrarase esta fin de semana, os días 20 e 21 de agosto, nas instalacións do Club de golf Campomar na parroquia do Val. O alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron este evento deportivo xunto con Fran Castro e Juan Sousa, presidente e vicepresidente respectivamente, da citada entidade deportiva. Os representantes do Club de golf Campomar manifestaron o “agradecemento á administración local polo apoio recibido para que esta disciplina deportiva sexa cada vez máis coñecida e practicada no entorno privilexiado onde nos atopamos”. Neste torneo poden participar persoas socias e non socias na modalidade de “Stableford individual handicap” en dúas categorías. A entrega de premios terá lugar o sábado ás 19.30 horas para Campeón Scratch así como para 1º e 2º Handicap de cada categoría. Tamén se realizará unha visita ás instalacións para as persoas que se acheguen a este evento no fin de semana co fin de dalas a coñecer e animar á participación neste deporte do golf. Guillermo Sánchez e José Oreona agradeceron o traballo da entidade deportiva que están a realizar na promoción do deporte do golf e a colaboración que prestan noutros eventos deportivos do concello. O torneo desenvolverase ao aire libre e contará con todas as medidas de prevención da Covid-19.
www.naron.es