Novas
 
AS SELECCIÓNS DE XAPÓN E ARXENTINA DISPUTARÁN NA CIDADE UN PARTIDO INTERNACIONAL DE FÚTBOL SALA PREVIO AO MUNDIAL DE LITUANIA 2021
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento co vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto
Narón, 13 de xullo de 2021. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá o vindeiro 24 de agosto un partido internacional de fútbol sala entre as seleccións de Arxentina e Xapón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron este mediodía o evento acompañados polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto. A cita terá lugar o vindeiro 24 de agosto, ás 20.30 horas, e presentarase oficialmente con representantes das citadas seleccións unha vez que cheguen á cidade, donde se informará sobre a capacidade máxima do recinto e os prezos das entradas.
Ferreiro asegurou que é un orgullo poder organizar xunto coa Real Federación Galega de Fútbol un evento deportivo destas características na cidade. “Trátase dunha cita deportiva que xa está xerando unha gran expectación dentro e fóra da comarca e que nos permitirá seguir apostando e promocionando o deporte, neste caso concreto o fútbol sala”, destacou. A alcaldesa avanzou que “acolleremos de moi bo agrado a estas dúas seleccións na cidade e tamén a todas as persoas que queiran desfrutar do partido porque é a primeira ocasión na que unha selección campiona do mundo xoga na nosa cidade”.
O vicepresidente da RFGF destacou a “capacidade organizativa e o apoio en xeral do Concello de Narón ao deporte” e incidiu en que na cidade “sentímonos como na casa”. O partido, explicou, é un dos compromisos de preparación de ambas seleccións antes de disputar o Mundial de Lituania 2021, que terá lugar en setembro e donde Arxentina tratará de revalidar a coroa mundial que obtivo en Colombia no ano 2016.
Prieto indicou que a selección nacional de Xapón está dirixida polo técnico galego Bruno García, e será un dos rivais de España na fase previa no Mundial de Lituania xunto con Angola e Paraguay. O combinado asiático, ademais do partido ante Arxentina, realizará unha concentración en terras galegas, e onde coa colaboración do Concello de Narón utilizará as instalacións deportivas do Complexo deportivo da Gándara. O elenco que dirixe Bruno García tamén disputará, aproveitando a estancia en Galicia, dous partidos internacionais en Portugal.
Pola súa banda, o vicepresidente da RFGF apuntou que a selección Arxentina está dirixida polo exxogador internacional Matías Lucuix (ex do Movistar Inter) e disputará, ademais do choque ante Xapón, outros compromisos en Andalucía e o País Vasco. O combinado albiceleste, e actual campión do Mundo, forma parte do Grupo F xunto a Irán, Serbia e Estados Unidos.
A través desta cita deportiva que se desenvolverá en Narón afeccionados de toda Galicia poderán presenciar en directo á actual campiona do Mundo e ao equipo xaponés, toda unha referencia no panorama mundial preparada por Bruno García. Ademais, o concelleiro de Deportes asegurou que durante a súa estancia en Galicia, o conxunto nipón realizará, conxuntamente co Concello de Narón, diferentes accións de promoción do fútbol sala. Oreona destacou ademais que as dúas seleccións permanecerán varios días concentradas en Narón, preparando o mundial, no caso da de Xapón dende o 7 de agosto e a de Arxentina dende o 21.
Dende a organización destacaron o traballo realizado para desenvolver este evento deportivo na cidade e animaron á cidadanía a desfrutar do mesmo o vindeiro mes de agosto.



Últimas noticias
O PASEO DE XUVIA ACOLLERÁ O DOMINGO A PRIMEIRA EDICIÓN DO "TORNEO DE BILLARDA CIDADE DE NARÓN"
AS SELECCIÓNS DE XAPÓN E ARXENTINA DISPUTARÁN NA CIDADE UN PARTIDO INTERNACIONAL DE FÚTBOL SALA PREVIO AO MUNDIAL DE LITUANIA 2021
A ALCALDESA VISITOU AOS INTEGRANTES DA SELECCIÓN VENEZOLANA DE ATLETISMO E TENIS DE MESA CONCENTRADOS NA CIDADE ANTES DAS OLIMPÍADAS DE TOKIO
MÁIS DE TRESCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE SÁBADO NA CUARTA EDICIÓN DO TRISHARK NARÓN 2021
A ALCALDESA REUNIUSE ESTE MEDIODÍA CON RESPONSABLES DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE BAILE DEPORTIVO

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal