Concello de Narón
Novas
A ENSEADA DA GÁNDARA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A "III BANDEIRA DE TRAIÑEIRAS CIDADE DE NARÓN"
A cita, organizada polo Concello e o Club de Remo Narón, comezará ás 17.00 horas e reunirá na cidade a un total de once equipos
Narón, 8 de xullo de 2021. A enseada da Gándara acollerá este sábado, día 10, a “III Bandeira de traiñeiras Cidade de Narón”, unha cita que reunirá a un total de once equipos na enseada da Gándara, a partir das 17.00 horas. O alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con Borja Díaz e Álvaro Rico, tesoureiro e vogal, respectivamente, do Club de Remo Narón. O Concello organiza este evento deportivo en colaboración co Club de Remo Narón. Esta proba oficial da división da Liga Galega de Traiñeiras –Liga B- ten un percorrido total de 5.556 metros, que se percorrerán en tres tandas, a primeira con tres equipos e as dúas seguintes con catro, sendo a última a tanda de honor. As saídas serán ás 17.00, 17.30 e 18.300 horas, tal e como explicou o tesoureiro do club naronés, que agradeceu a colaboración do Concello e animou ao público que acuda á cita a levar roupa de cor verde para animar ao club local. A maiores do Club de Remo Narón e do de Mugardos, tamén participarán os de A Cabana e Cedeira, no ámbito comarcal. Entre os clubs foráneos con presencia neste evento deportivo estarán o San Bartolomé B, o Chapela, Puebla B, O Grove, Vila de Cangas, Virxe da Guía e Castropol, tal e como indicaron dende a entidade. Pola súa banda, Sánchez Fojo e Oreona felicitaron ao Club de Remo Narón, actualmente empatado en puntos na Liga co de Mugardos; gañador da Bandeira de traiñeiras de Vigo o pasado 3 de xullo e segundo na competición celebrada o pasado día 4 en Cangas. “Parabéns polos vosos éxitos, que desexamos que sexan moitos máis e moita sorte na competición que se disputará este sábado na cidade, donde vos desexamos un excelente resultado, moi merecido polo voso esforzo e dedicación”, apuntou Sánchez Fojo.
www.naron.es