Concello de Narón
Novas
XUVIA ACOLLEU HOXE AS ACTIVIDADES PROGRAMADAS POLO CONCELLO CON MOTIVO DO DÍA DO DEPORTE DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, desprazáronse esta mañá á zona na que se desenvolveu este evento deportivo, que se convocará con novidades o vindeiro mes de setembro
Narón, 30 de xuño de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, desprazáronse esta mañá a Xuvia con motivo da celebración dos actos organizados polo Concello con motivo do Día do Deporte. Dende primeira hora da mañá a xente foi participando nas diferentes actividades deportivas que se desenvolveron en Xuvia entre as 9.30 e as 14.00 e pensadas para menores de 5 a 14 anos e tamén algunhas abertas ás súas familias, como foi o caso da ruta cicloturista. A primeira hora, ás 9.30, saían da ponte que une Xuvia e Neda as persoas que se inscribiron na citada ruta cicloturista, na que percorreron un tramo duns 9,5 quilómetros entre Xuvia e o Mosteiro do Couto. A maiores desta ruta, na que os menores ían acompañados dunha persoa adulta, tamén se desenvolveron actividades como tenis de mesa e xadrez–na praza do antigo Concello de Xuvia-; fútbol sala –na pista descuberta de Xuvia- balonán –na pista do colexio Jorge Juan; voleibol, kick boxing, fútbol e golf –na zona verde do paseo de Xuvia- e baloncesto –na pista multideporte de Xuvia-. Ferreiro e Oreona compartiron impresións cos rapaces e rapazas que acudiron e tamén coas súas familias. Así mesmo, a alcaldesa avanzou que o vindeiro mes de setembro se programará unha nova edición do Día do Deporte de Narón, que se convocará na fin de semana, durante todo o día, e con outras novidades que se anunciarán previamente dende o Consistorio.
www.naron.es