Concello de Narón
Novas
A TRIXÉSIMO TERCEIRA EDICIÓN DO RALLY DE NARÓN REUNIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A 66 EQUIPOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con Brais Noval, Ramiro Fandiño e Ramón Padín, da Escudería Siroco Narón
Narón, 21 de xuño de 2019. A trixéximo terceira edición do Rally Cidade de Narón reunirá esta fin de semana na cidade a 66 equipos procedentes de diferentes comunidades autónomas. A alcaldesa, Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá o evento xunto con Brais Noval, Ramiro Fandiño, e Ramón Padín, director, xefe de seguridade e secretario da proba, respectivamente, da Escudería Siroco Narón, organizadora do mesmo en colaboración co Concello e a Federación Galega de Automobilismo. O evento disputarse o vindeiro sábado, día 26, tras cancelarse o treito urbano que inicialmente ía ter lugar o día 25 nas inmediacións do Pazo da Cultura como medida preventiva pola actual situación sanitaria. Unha das principais novidades desta convocatoria é que por vez primeira, tras trinta e dúas edicións, non será puntuable para o Campionato de Galicia e pasa a encadrarse na Copa de España de Rallys de asfalto, tal e como indicou Noval. O sábado, avanzou, os pilotos percorrerán catro treitos diferentes, polos que pasarán cada un en dúas ocasións (en total oito cronometrados, sumando 107 quilómetros). Os tramos son os de Vilachave (12,16 quilómetros) polos concellos de Moeche e As Somozas –primeira pasada ás 9.00 horas e segunda ás 12.15-; As Pontes (14,4 quilómetros) –primeira pasada ás 9.50 e segunda ás 13.05-; Ferreira (14,92 quilómetros), polos concellos de San Sadurniño e As Somozas –primeira pasada ás 16.10 e segunda ás 19.10- e A Capela (12 quilómetros) –primeira pasada ás 17.00 e segunda ás 20.00-. Dende a Escudería Siroco Narón destacaron especialmente a participación do piloto lucense Sergio Vallejo, bicampión de España de Rallys e que competirá cun Porsche 997 GT3 e do asturiano Óscar Palacio, que foi campión de España de Montaña e dende que se pasou aos rallyes domina con autoridade o Campionato de Asturias e que competirá cun Ford Fiesta R5 de última xeración. O campión de Galicia en 2015 Álex Pais tamén participará, xunto con outros pilotos da zona, entre os que destacan Jorge Cagiao, que estreará o novo Renault Clio Rally4 e David Grandal, cun Suzuki Swift N5. O parque de custodia –antes coñecido como parque pechado-, os reagrupamentos e o pódium estarán ubicados nas inmediacións do Centro Comercial Odeón, na Gándara. Alí poderán verse os coches o venres a última hora da tarde e tamén nos reagrupamentos do sábado ás 10.40 horas; ás 13.55 e ás 17.40. A entrega de trofeos está prevista nesta mesma ubicación a noite do sábado, sobre as 21.10 horas. O evento acollerá tamén o Trofeo Legend MCJ Abarth para vehículos históricos, que conta cun total de vinte e dous participantes. “Esta fin de semana a nosa cidade será un referente do mundo do motor, coa celebración dunha nova edición do Rally Cidade de Narón, unha das citas máis consolidadas no calendario deportivo de Narón”, asegurou Marián Ferreiro, que destacou o esforzo realizado dende a Escudería Siroco Narón para organizar este evento. A alcaldesa da cidade subliou que o de Narón e “digno dos mellores rallyes de España”, ao tempo que apelou á responsabilidade individual para cumprir todas as medidas de seguridade e animou á todos os afeccionados ao mundo do motor a disfrutar do mesmo. A organización solicita a máxima colaboración das persoas que acudan como público, incidindo na importancia de respectar as recomendacións que se realizarán e as zonas sinaladas como perigosas, para evitar posibles incidentes durante o desenvolvemento deste evento. As persoas interesadas poden consultar toda a información relativa a este evento deportivo –detalles dos diferentes tramos, participantes- a través da páxina web: http://www.rallyenaron.org/.
www.naron.es