Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E O CLUB TENIS DE MESA CIDADE DE NARÓN ORGANIZARON OS CAMPIONATOS AUTONÓMICOS QUE SE DISPUTARÁN EN CAMPO DA SERRA
O evento desenvolverase o domingo 16 e o luns 17 de maio nas instalacións do pavillón municipal Campo da Serra
Narón, 14 de maio de 2021. O Concello e o Club Tenis de Mesa Cidade de Narón organizan o "XXXIV Campionato galego xuvenil", “XXIII Campionato galego benxamín”, o “III Campionato galego Sénior” e o “XXVIII Campionato galego veteranos” que se disputarán o domingo 16 e o luns 17 de maio no pavillón municipal Campo da Serra (Santa Icía). A alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, Fernando Montero, e Javier Couce, integrante da directiva do citado club local, presentaron hoxe o evento, que se levará a cabo en formatos burbulla e sen presencia de público debido á actual situación sanitaria. O evento desenvolverase en horario de mañá e tarde, a partir das 9.30 horas e ata as 20.00 aproximadamente. Un total de 149 persoas, procedentes procedentes de clubs de toda Galicia inscribíronse nestes campionatos, destacando a participación na modalidade do xuvenil, con 57 persoas. As competicións comezarán o domingo pola mañá, coa proba benxamín para a partir da tarde comezar a xuvenil e o luns serán as de sénior e veteráns. Montero recordou que este será o primeiro campionato galego que se realice dende que se iniciara a pandemia da Covid-19 e que, curiosamente, o último que se levou a cabo celebrouse en Narón sete días antes de declararse o estado de alarma. “Feitos como poder organizar de novo estes campionatos en Narón constatan o apoio do Concello co deporte en xeral e co tenis de mesa en particular”, asegurou o presidente do club naronés. Nesa liña, Javier Couce destacou o agradecemento ao Concello “porque en plena pandemia noutros municipios os clubs tiñan moitos problemas para poder adestrar pero en Narón seguimos facéndoo, cumprindo coas medidas en vigor en cada momento, a pleno rendemento”. Así mesmo, avanzou que tamén este mes o club local organizará os play-off de ascenso a superdivisión do equipo feminino, que se acaba de proclamar hai uns días Campión de liga do seu grupo de división de honra. Ferreiro e Oreona felicitaron aos representantes do club local pola excelente traxectoria deportiva e, en particular, pola gran tempada que realizaron, desexándolles tamén moita sorte aos deportistas locais nos campionatos que se desenvolverán o domingo e o luns na cidade. “É un orgullo para nós o traballo deste club de tenis local, con deportistas de gran nivel que grazas ao seu esforzo destacan en competicións a diferentes niveis”, asegurou Ferreiro.
www.naron.es