Concello de Narón
Novas
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NAS SESIÓNS DEPORTIVAS CON MONITORAXE NOS PARQUES BIOSAUDABLES DIRIXIDAS A PERSOAS MAIORES
O edil de Deportes, José Oreona, recordou que o prazo para anotarse nas sesións, que serán de balde, remata o 12 de maio
Narón, 7 de maio de 2021. O concelleiro de Deportes, José Oreona, recordou que o vindeiro 12 de maio rematará o prazo para poder inscribirse nas sesións deportivas con monitoraxe que se levarán a cabo a partir deste mesmo mes nos dezaoito parques biosaudables da cidade. A iniciativa é de balde e as persoas maiores –a partir de 60 anos- son as destinatarias desta actividade, a través da que se aposta por “fomentar a práctica deportiva ao aire libre e tamén ofrecerlles ás usuarias e usuarios dos parques biosaudables a información precisa para que saiban manexar os equipos alí instalados”, explicou o edil naronés. O monitor ou monitora traballará con grupos burbulla dun mínimo de tres persoas e un máximo de seis, podendo modificarse este apartado en función das indicacións derivadas polas autoridades para prevención da covid-19. A actividade desenvolverase nos parques biosaudables localizados nas rúas Mestre Fernández Yáñez, Cangas, Mariña Española, xunto ás vivendas de San Clemente, nas inmediacións da estrada do Feal e nas parroquias de San Xiao, Piñeiros, O Val, Santa Icía, O Couto, Doso, Sedes, San Mateo, Pedroso, Castro, e nos dos paseos de Xuvia e Freixeiro e da Praza da Gándara. As inscricións poden tramitarse nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo municipal da Gándara, facilitando as persoas interesadas os seus datos persoais, o parque biosaudable no que lles interesa acudir á actividade e tamén a preferencia de horario, de mañá ou de tarde. Para obter máis información pódese contactar co persoal das oficinas do Padroado de Deportes, no teléfono 981 387 522.
www.naron.es