Concello de Narón
Novas
O CAMPO DE FÚTBOL DE SAN MATEO ACOLLERÁ ESTE DOMINGO OS CAMPIONATOS GALEGOS DE BASE DE VOLEIBOL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, José Oreona, e a presidenta do club Narón Volea, Eva Romero, presentaron o evento, no que colabora o Padroado de Deportes de Narón
Narón, 30 de abril de 2021. A alcaldesa e presidenta do Padroado de Deportes, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, José Oreona, e a presidenta do Club de Voleibol Narón Volea, Eva Romero, presentaron esta mañá os campionatos galegos de base de voleibol que se disputarán este domingo, día 2, no campo de fútbol de San Mateo. A cita dará comezo ás 9.30 horas e rematará a última hora da tarde, tal e como recordou a alcaldesa, que destacou o éxito de participación desta convocatoria, que reunirá na cidade a preto dunha vintena de clubs de diferentes localidades de Galicia. O campionato provincial disputarase na categoría Prebenxamín, se ben a primeira fase do campionato galego será nas de Benxamín masculino e feminino e Alevín masculino e feminino. Na competición puntuable a nivel autonómico participarán seis equipos do club Narón Volea, tal e como avanzou Eva Romero, que indicou que a segunda proba se disputará en Dumbría o vindeiro 9 de maio e queda por fixar a cita que se aprazou en Cambados. A alcaldesa e o edil de Deportes desexaron moito éxito aos deportistas que participarán nesta convocatoria e, especialmente aos do Club de Voleibol Narón Volea. Así mesmo, incidiron en que se levará a cabo baixo un estrito protocolo para garantir as medidas preventivas fronte á covid-19.
www.naron.es