Concello de Narón
Novas
O CONCELLO PROMOVE SESIÓNS DEPORTIVAS CON MONITORAXE NOS DEZAOITO PARQUES BIOSAUDABLES DA CIDADE
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron a iniciativa, dirixida a persoas maiores da cidade
Narón, 21 de abril de 2021. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado de Deportes, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron unha nova iniciativa que se levará a cabo a partir do vindeiro mes de maio na cidade. Trátase de fomentar a actividade deportiva entre as persoas maiores que utilizan os parques biosaudables e que terán a oportunidade de asistir a sesións de balde nas que recibirán as indicacións dun monitor ou monitora para o correcto uso dos equipos instalados nos mesmos. “É unha actividade de balde e dirixida a persoas maiores, a partir de 60 anos ou xubilados que teñan menos idade e que se realizará en grupos burbulla dun mínimo de tres persoas e un máximo de seis, condicionados en todo momento á normativa en vigor pola situación sanitaria”, indicou Ferreiro. A rexedora local destacou que “as sesións levaranse a cabo en todos os parques biosaudables da cidade, ofrecendo así á veciñanza a opción de acudir ao que teñan máis preto da súa vivenda dos dezaoito localizados no termo municipal, na zona urbana e rural”. Deste xeito, poderanse formar grupos nos parques biosaudables localizados nas rúas Mestre Fernández Yáñez, Cangas, Mariña Española, xunto ás vivendas de San Clemente, nas inmediacións da estrada do Feal e nas parroquias de San Xiao, Piñeiros, O Val, Santa Icía, O Couto, Doso, Sedes, San Mateo, Pedroso, Castro, e nos dos paseos de Xuvia e Freixeiro e da Praza da Gándara. Para poder asistir, tal e como indicou Oreona, as persoas interesadas poden anotarse dende hoxe e ata o 12 de maio (incluído) nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo municipal da Gándara. No momento da inscrición, a maiores dos seus datos persoais deberán indicar na instancia o parque biosaudable no que lles interesa acudir á actividade e tamén o horario, de mañá ou de tarde. Marián Ferreiro, explicou que “un dos obxectivos desta convocatoria é promover hábitos de vida saudables entre a poboación, neste caso entre un colectivo moi específico ao que se destinan este tipo de instalacións, as persoas da terceira idade”. Así mesmo, destacou “os beneficios da práctica do deporte en grupo e ao aire libre” e a importancia de que “a actividade estará dirixida por persoas cunha formación moi específica co fin de que poidan coñecer as características dos equipos instalados nos parques biosaudables e tamén como utilizalos correctamente para exercitarse ou realizar prácticas de rehabilitación das distintas articulacións do corpo, evitando posibles lesións derivadas en ocasións do descoñecemento do seu correcto uso”. A alcaldesa e o edil de Deportes destacaron que o goberno lcoal a través desta iniciativa cumpre un dos compromisos adquiridos coa veciñanza da cidade e animaron ás veciñas e veciños a anotarse para participar na mesma. Nas oficinas do Padroado de Deportes e no teléfono 981 387 522 pódese consultar calquera información vencellada a esta actividade.
www.naron.es