Concello de Narón
Novas
ALGO MÁIS DE 200 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NO CAMPIONATO GALEGO DE DÚATLON
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou hoxe o evento xunto co edil de Deportes, José Oreona, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón e directivo da Fegatri, Amando Guerrero
Narón, 24 de marzo de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, José Oreona, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón e directivo da Federación Galega de Triatlón (Fegatri), Amando Guerrero, presentaron hoxe no Concello o Campionato galego de dúatlon que se disputará este domingo, día 28, na localidade. No evento participarán algo máis de douscentos deportistas procedentes dun total de vinte e dous clubs e cunha gran representación de Narón, Cedeira e Ferrol, tal e como avanzou Guerrero. Ferreiro asegurou que “é moi importante que se desenvolva na nosa cidade un evento deportivo destas características e que se organizou extremando ao máximo as medidas de seguridade tal e como se fixo dende o Concello”. O presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón valorou a colaboración do Concello de Narón e tamén a confianza depositada pola Fegatri por escoller a cidade para levar a cabo este campionato, incluído no “Circuíto Mozo” galego e que será unha proba clasificatoria para o Campionato de España de dúatlon, ao dispoñer de tres prazas por categoría para acudir a Avilés o vindeiro 10 de abril, coincidindo coa celebración do evento a nivel estatal. O Campionato galego de dúatlon, con saída e meta na rúa Colmeote, disputarase sobre unha distancia supersprint de dous quilómetros de carreira, sete quilómetros e medio de ciclismo e un quilómetro máis en formato contrarreloxo, con saída de dúas en dúas persoas debido ás medidas preventivas. Os corredores sairán cada vinte segundos, cada un dende o seu caixón de saída e mantendo unha separación lateral de dous metros entre eles e, a maiores, entre cada grupo de 25 deportistas haberá unha separación de cinco minutos para comezar coa seguinte saída, tal e como se estableceu dende a organización. A competición distribuirase en dous bloques, comezando o primeiro ás 10.30 horas coa proba junior masculina e feminina, xuvenil e cadete femininas para dar comezo a partir das 12.50 horas as probas das categorías cadete e xuvenil masculinas. Dende a organización incidiuse na importancia de que todos os asistentes cumpran as indicacións e medidas sanitarias, e avanzouse que se habilitará unha zona acotada de seguridade para deportistas, técnicos e organización. Nesa mesma liña o concelleiro de Deportes recalcou que “os perímetros marcados deben respectarse e tamén cumprir os protocolos de prevención da Covid-19 para garantir a eficacia das medidas adoptadas para desenvolver con seguridade este evento deportivo na cidade”. O tráfico rodado pola zona sufrirá algunhas modificacións que estarán debidamente indicadas para ocasionar as menores molestias posibles durante o desenvolvemento das probas. Entre elas está o corte da estrada da Trincheira, no tramo comprendido entre a rotonda da FE-11 e as inmediacións de Alcampo, concretamente á altura da Ponte das Cabras, entre as 8.45 e as 14.30 horas. A alcaldesa e o edil de Deportes destacaron o traballo realizado pola organización deste evento e desexaron moita sorte a todos os participantes e tamén a colaboración cidadá para que o campionato se desenvolva nas mellores condicións posibles.
www.naron.es