Concello de Narón
Novas
AS CLASES DE NATACIÓN E ACTIVIDADES IMPARTIDAS NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DA GÁNDARA REINICIARANSE O VINDEIRO LUNS
O concelleiro de Deportes, José Oreona, indicou que coa entrada en vigor das novas medidas preventivas da Covid-19 retomaranse esas actividades nas citadas instalacións
Narón, 26 de febreiro de 2021. O vindeiro luns, día 1 de marzo, retomaranse os cursos e actividades que se desenvolvían nas instalacións do Complexo polideportivo municipal da Gándara. Coa entrada en vigor das novas medidas preventivas da Covid-19, volveranse a impartir na piscina da Gándara os cursos de natación para menores e adultos (nas modalidades de iniciación e perfeccionamento, en ambos casos) e tamén as sesións de natación terapéutica e natación para bebés, que serán no vaso grande, ao igual que se viña facendo últimamente, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, José Oreona. A maiores tamén se retomarán o vindeiro luns as diferentes actividades que se desenvolvían no citado complexo polideportivo, seguindo en cada caso as indicacións oportunas para a prevención da Covid-19 recollidas no Diario Oficial de Galicia publicado na xornada de onte.
www.naron.es