Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINOU TRES CONVENIOS DE COLABORACIÓN CON CLUBS DEPORTIVOS DA CIDADE
Os acordos rubricados por Marián Ferreiro permitirán continuar promocionando diferentes actividades deportivas na cidade
Narón, 18 de decembro de 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou os convenios de colaboración coa presidenta do Club Cidade de Narón de Fútbol Sala, Almudena Fariña, co presidente do Club Balonmán Narón, Rubén Fernández, e co do Club de Remo Narón, Martín Martínez, este último de xeito telemático. No acto de sinatura estivo tamén presente o concelleiro de Deportes, José Oreona. A promoción e o fomento do fútbol sala, o balonmán, e o remo, así como a participación en campionatos destas especialidades é o obxectivo dos acordos rubricados pola rexedora local e os representantes dos clubs locais. Estes últimos agradeceron a colaboración brindada un ano máis dende o Consistorio naronés para continuar desenvolvendo estas actividades e promocionando o deporte dentro e fóra da cidade. Pola súa parte, Ferreiro incidiu en que “dende o goberno local de Narón continuamos mantendo un firme compromiso co amplo tecido deportivo deste concello, que tanto traballo realiza ao longo do ano con persoas de diferentes idades e ofrecendo unha gran variedade de modalidades entre as que poder elixir”. A alcaldesa desexou a todos os clubs locais “moitos éxitos na actual tempada” e recalcou que “dende o goberno local continuaremos apoiando o voso labor na medida do posible e tamén gozando de cada un dos vosos éxitos”.
www.naron.es