Concello de Narón
Novas
OS CONCELLOS DE NARÓN, NEDA, FENE E FERROL POSPOÑEN AO VINDEIRO ANO A CELEBRACIÓN DO MEMORIAL ADOLFO ROS
O concelleiro de Deportes, José Oreona, acudiu a varias xuntanzas con representantes dos concellos organizadores deste evento, que acordaron por unanimidade aprazalo
Narón, 7 de decembro de 2020. O concelleiro de Deportes, José Oreona asistiu ás diversas xuntanzas de traballo con representantes dos Concellos de Neda, Fene, e Ferrol, acordándose na última por unanimidade aprazar ata decembro de 2021 a celebración do Memorial Adolfo Ros “Volta á Ría” que, inicialmente estaba previsto realizar o vindeiro domingo, 13 de decembro. A situación motivada pola Covid-19 está loxicamente na raíz da decisión. Organizada de forma conxunta polos catro concellos polos que discorre, este ano a dirección recaía en Neda. A Adolfo Ros cumpriría a súa XXXV edición ,unha carreira en memoria do deportista que lle dá nome, falecido o 18 de agosto de 1985 nun acto de heroicismo ao tentar rescatar por segunda vez a varios bañistas na praia de Doniños. Trátase cada ano dunha carreira secundada por centos de deportistas (federados e non federados) e, en 2019, alcanzou os 700 participantes de todas as idades. Unha carreira con categoría adaptada e incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo que é, na actualidade, un referente non só na comarca senón tamén en Galicia
www.naron.es