Concello de Narón
Novas
A PISCINA MUNICIPAL DA GÁNDARA RETOMA OS CURSOS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS DE NATACIÓN PARA NENAS E NENOS E OS CURSOS DE INICIACIÓN E PERFECCIONAMENTO PARA PERSOAS ADULTAS
O concelleiro de Deportes, José Oreona, recordou as medidas preventivas establecidas con motivo da actual situación sanitaria
Narón, 7 de outubro de 2020. O concelleiro de Deportes, José Oreona, anunciou que na xornada de mañá xoves darán comezo nas instalacións da piscina polivalente do Complexo Polideportivo Municipal da Gándara os cursos correspondentes ás Escolas deportivas de Natación para nenas e nenos e tamén os de Natación de iniciación e perfeccionamento para persoas adultas. A actual situación sanitaria obriga a establecer unha serie de medidas para garantir que as sesións se desenvolvan nas condicións óptimas. Por este motivo, tal e como indicou o edil, “as clases das escolas deportivas de Natación para nenas e nenos serán un día a semana, en lugar de dous como se viña facendo en tempadas anteriores, para cumprir así cos aforos permitidos nas instalacións debido á pandemia”. Oreona explicou que o persoal do Padroado de Deportes xa contactou telefonicamente coas usuarias e usuarios para comunicarlles o día que lles corresponde a cada un deles. Así mesmo, en canto ao protocolo preventivo da Covid-19 realizado para as instalacións, tanto nas clases de Natación como na actividade de baño libre permítese o uso dos vestiarios pero non o das duchas ubicadas no interior dos citados vestiarios, debendo utilizar as persoas que o desexen as situadas na zona da praia da piscina polivalente, segundo asegurou Oreona. As persoas que desexen recibir máis información respecto do funcionamento das citadas instalacións deportivas municipais poden chamar aos números de teléfono: 981 337 700 (extensión: 2503) e 981 387 522.
www.naron.es