Novas
 
O CONCELLO COLABORA CON ASOTRAME NA INICIATIVA "LA CARRERA QUE NUNCA PARA: KILÓMETROS DE VIDA"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento xunto co edil de Deportes, José Oreona, e a presidenta de Asotrame, Cristina Piñeiro
Narón, 11 de setembro de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá no Concello con Cristina Piñeiro, presidenta da Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame), a iniciativa “La carrera que nunca para: kilómetros de vida”. Asotrame impulsa este evento, no que colabora o Concello, e que se desenvolve dende hoxe ata o vindeiro 27 de setembro. As persoas que desexen participar poden inscribirse a través da páxina web: www.lacarreraquenuncapara.com.
Os participantes deberán percorrer correndo ou camiñando a ruta elixida, neste caso a de Narón, con saída na rúa 25 de Xullo e meta na rúa 10 de Marzo (o tramo ao completo pode consultarse na citada web), podendo realizala ata o domingo 27 ás 23.59 horas, sen límite de tempo e respectando a normativa en vigor con motivo de prevención da Covid-19. Ferreiro destacou que “dos oito concellos que participan, esta mesma mañá a ruta de Narón era a máis solicitada, con preto de medio cento de inscritos”.
A inscrición –pódese facer máis dunha ruta- implica un donativo de tres euros, unha contía que se destinará, tal e como explicou Cristina Piñeiro, xunto coas doazóns que se realizan no “Dorsal 0”, aos proxectos: “Como en Casa”, unha vivenda de estancia temporal para familias de persoas con diagnóstico oncohematolóxico ingresadas no CHUAC, e o “Servizo de Atención Psicosocial”, a través do que se ofrece atención psicolóxica e social a persoas con cancro hematolóxico e ás súas familias.
A presidenta de Asotrame, que agradeceu a colaboración do Concello de Narón en particular e do resto de concellos, empresas e patrocinadores do evento en xeral, indicou que se sortearán varios agasallos entre as persoas inscritas. Así mesmo, explicou que a convocatoria se realiza agora “por coincidir este mes co Día Mundial do Doante de Médula”. Piñeiro animou á cidadanía a facerse doante de médula, recalcando que “axuda a salvar vidas” e recordou que as persoas que desexen recibir máis información sobre Asotrame poden solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 698 130 684 para acudir á sede da entidade, no Centro Cívico Social da Gándara.
Ferreiro e Oreona valoraron o traballo que realiza Asotrame e animaron á veciñanza a “participar neste evento para colaborar cunha causa solidaria, sensibilizando á poboación sobre a importancia de doar médula ósea e fomentando ao mesmo tempo hábitos de vida saudables, dous dos obxectivos desta iniciativa”.



Últimas noticias
ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL
O PADROADO DE DEPORTES HABILITARÁ UN PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA LISTAXE PARA AS ESCOLAS DEPORTIVAS
O CONCELLO COLABORA CON ASOTRAME NA INICIATIVA "LA CARRERA QUE NUNCA PARA: KILÓMETROS DE VIDA"
ÚLTIMOS DÍAS PARA SOLICITAR AS SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL
A ALCALDESA DESPRAZOUSE AO COMPLEXO POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA PARA COORDINAR O PRÓXIMO I NICIO DOS CURSOS NAS INSTALACIÓNS

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal