Novas
 
O PADROADO DE DEPORTES HABILITARÁ UN PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA LISTAXE PARA AS ESCOLAS DEPORTIVAS
O edil de Deportes, José Oreona, explicou que a finalidade é utilizar esa listaxe para cubrir posibles vacantes ou completar aforo cando a situación de pandemia o permita
Narón, 8 de setembro de 2020. O Padroado de Deportes habilitará un prazo de preinscrición nunha listaxe de espera das Escolas Deportivas de natación, natación terapéutica, ioga, pilates, ximnasia de mantemento… que se desenvolven tanto no complexo polideportivo da Gándara como noutros centros da cidade. O edil de Deportes, José Oreona, explicou que “na actualidade os cupos destas Escolas están cubertos, debido ás limitacións de aforo establecidas con motivo da prevención da Covid-19, pero queremos dispoñer dunha listaxe para poder cubrir vacantes no caso de que se rexistren ou para o momento no que a situación actual de pandemia permita ampliar aforos”.
As veciñas e veciños de Narón posuidoras do Bono Familiar ou usuarias e usuarios que estiveron inscritos nos cursos de natación para bebés e cumpren tres anos antes de outubro debendo cambiar de actividade, terán que anotarse nesta lista de espera a partir do 21 de setembro, se ben o prazo comezará o 1 de outubro para as persoas doutros concellos, tal e como indicou Oreona. As persoas que na tempada 2019-2020 estiveron inscritas nas Escolas Deportivas manteñen activa a inscrición na mesma actividade no caso de que non presentasen ou presenten a baixa –no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica- antes do 15 de setembro.
O edil naronés avanzou ademais que na presente tempada as Escolas de natación infantil (3 a 14 anos) comezarán un só día á semana, debido á redución de aforos pola pandemia, polo que se aplicará a correspondente redución da taxa. Esta situación, apuntou, podería afectar a algúns grupos de Natación para adultos que pola ocupación actual se precisen desdobrar. “Dende o Padroado de Deportes contáctase telefonicamente coas persoas afectadas pola redución no número de días das actividades, informándoos das xornadas que lles corresponden”, explicou.
En canto ás Actividades Deportivas, “o inicio das mesmas está previsto en diferentes fases, sempre que o permita a situación sanitaria”, recalcou Oreona. O 1 de outubro prevese o inicio de Natación terapéutica, Natación para bebés, Grupos de diversidade funcional, Pilates, Ioga e Ximnasia de mantemento. Uns días máis tarde, concretamente o 8 de outubro, comezará Natación infantil (3 a 14 anos) e Natación de adultos. Finalmente, a reapertura do baño libre –que comezará ás 8.15 horas- na piscina polivalente prevese para este mesmo mes de setembro, o día 14, debendo concertar cita previa para asistir chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 2503). Todas estas actividades desenvólvense no complexo polideportivo da Gándara.
A data de inicio das actividades que se imparten fóra das citadas instalacións da Gándara está actualmente sen determinar, indicou o concelleiro naronés. As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 2503).



Últimas noticias
ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL
O PADROADO DE DEPORTES HABILITARÁ UN PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA LISTAXE PARA AS ESCOLAS DEPORTIVAS
O CONCELLO COLABORA CON ASOTRAME NA INICIATIVA "LA CARRERA QUE NUNCA PARA: KILÓMETROS DE VIDA"
ÚLTIMOS DÍAS PARA SOLICITAR AS SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL
A ALCALDESA DESPRAZOUSE AO COMPLEXO POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA PARA COORDINAR O PRÓXIMO I NICIO DOS CURSOS NAS INSTALACIÓNS

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal