Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA E O EDIL DE DEPORTES RECIBIRON NA PRAZA DE GALICIA AOS INTEGRANTES DO CLUB DE REMO NARÓN QUE PARTICIPARÁN NA LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS
Marián Ferreiro e José Oreona desexaron moito éxito aos integrantes do equipo Sénior que competirán o domingo, día 19, neste evento deportivo
Narón, 17 de xullo de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, participaron esta tarde na presentación do novo equipo da traiñeira Sénior do Club de Remo Narón. A convocatoria tivo lugar na Praza de Galicia, ata donde os representantes do citado club se trasladaron coa embarcación. O presidente do Club de Remo Narón, Martín Martínez, agradeceu a colaboración do Padroado de Deportes de Narón coa entidade e explicou que o equipo Sénior conta con vinte e un integrantes, dos que catorce competirán nesta traiñeira. O equipo Sénior (Liga B) competirá esta fin de semana, concretamente o domingo 19 na praia de Arealonga, en Chapela, na Liga Galega de Traiñeiras, que comezará a véspera, o sábado 18 en Boiro, baixo fortes medidas de seguridade e un protocolo preventivo da Federación Galega de Remo pola pandemia da Covid-19. Os naroneses competirán con remeiros de Chapela e Castropol na primeira tanda da Liga B (con nove clubs). A traxectoria será por un percorrido de tres millas náuticas –uns 5.600 metros- e en catro largos e comezará ás 12.00 horas. A alcaldesa e o edil de Deportes conversaron cos integrantes do Club de Remo Narón sobre os condicionantes que afectarán ás diferentes probas deportivas debido á pandemia. Así mesmo, Ferreiro, destacou a traxectoria do club naronés, ao que desexou, ao igual que Oreona, moita sorte na Liga Galega de Traiñeiras. A rexedora local incidiu na aposta do goberno local para apoiar dende o Padroado de Deportes ás entidades e clubs da cidade, dos que valorou “o labor que desenvolven ao longo do ano e tamén o feito de que nas súas respectivas modalidades, representen con orgullo ao Concello naronés en cada unha das competicións e eventos nos que participan”.
www.naron.es