Concello de Narón
Novas
O CONCELLO CONVOCA SESIÓNS DE IOGA E PILATES NO PARQUE DE FREIXEIRO E NO PASEO DE XUVIA
O concelleiro de Deportes, José Oreona, avanzou que as actividades, dirixidas a maiores de 16 anos, se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto
Narón, 10 de xuño de 2020. O Concello convocará este verán, a través do Padroado de Deportes, dúas actividades ao aire libre: ioga e pilates. As sesións desenvolveranse na zona do parque fluvial do río Freixeiro e no paseo marítimo de Xuvia e están pensadas para persoas maiores de 16 anos. O concelleiro de Deportes, José Oreona, avanzou que terán lugar dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto e recalcou que será preciso dispoñer de grupos mínimos de sete persoas para poder organizar as actividades, que terán un máximo de quince participantes. En caso de choiva as sesións levaranse a cabo no complexo polideportivo da Gándara. As sesións previstas serán de luns a xoves entre as 10.00 e as 11.00 horas, celebrándose as de pilates os luns e mércores no parque de Freixeiro e os martes e xoves no paseo de Xuvia e as de ioga os martes e xoves en Freixeiro e os luns e mércores en Xuvia. O prezo das actividades é de 11,10 euros ao mes para ioga e de 17,35 euros ao mes para pilates, se ben as persoas maiores de 65 anos ou pensionistas pagarán 12,15 euros ao mes polas clases de pilates. Os participantes deberán aportar o material preciso (colchoneta, esterilla, toalla…). As persoas interesadas en preinscribirse poden facelo dende o vindeiro luns, día 15, ata o 23 de xuño chamando aos números de teléfono 981 337 700 (ext.: 2503) ou 981 111 025 (ext.:7), de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30.
www.naron.es