Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA CO CLUB DE REMO NARÓN NA ORGANIZACIÓN DO "I TROFEO DE TRAIÑEIRAS CIDADE DE NARÓN-GRANXA O COTO"
A cita deportiva terá lugar o vindeiro domingo, 19 de xaneiro, a partir das 11.00 horas na enseada da Gándara
Narón, 14 de xaneiro de 2020. O Concello colabora co Club de Remo Narón no “I Trofeo de Traiñeiras Cidade de Narón-Granxa O Coto”, que se celebrará o vindeiro domingo, día 19, na enseada da Gándara, a partir das 11.00 horas. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado por Martín Martínez e Borja Díaz, presidente e tesoureiro, respectivamente, do citado club naronés. Nesta primeira edición da convocatoria, con diferentes categorías masculina e feminina, participarán un total de trece traiñeiras, tal e como indicaron os representantes da entidade deportiva naronesa. Na categoría feminina participarán os clubs da Cabana, Mugardos e Perillo. Nas masculinas, na Liga A participarán os clubs Vilaxoán, Mera e A Cabana; na categoría B os de Mugardos, Cedeira, Perillo, Castropol e o Club de Remo Narón; na ACT o de Ares e na de veteráns tamén o de Ares. O percorrido da regata a realizar será unha contrareloxio triangular, con saída dende as inmediacións do local do Club de Remo Narón, na enseada da Gándara, cara á zona de San Valentín, en Fene, e un segundo largo ata a zona da ponte do ferrocarril para completar o percorrido de novo no punto de saída, xunto ao Club de Remo Narón. En total será unha distancia duns 5.500 metros, tal e como apuntaron dende a entidade. Os representantes do club naronés agradeceron a colaboración do Concello naronés para poder levar a cabo este evento e tamén a implicación dos diferentes clubs que participarán nesta primeira edición. Pola súa banda, o edil de Deportes de Narón felicitou aos representantes do Club de Remo Narón polo feito de promover esta convocatoria na cidade e tamén pola traxectoria deportiva desta entidade. Así mesmo, Oreona ofreceu a colaboración do Concello para este tipo de eventos e animou á veciñanza a acudir á convocatoria para desfrutar dunha cita deportiva e animar aos participantes na mesma.
www.naron.es