Novas
 
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O "XII TORNEO DE VOLEIBOL CIDADE DE NARÓN"
Un total de sete clubes participarán este sábado neste evento deportivo que presentaron hoxe o edil de Deportes, José Oreona, e a secretaria do club Narón Volea, Eva Romero
Narón, 16 de decembro de 2019. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e a secretaria do club Narón Volea, Eva Romero, presentaron esta mañá a duodécima edición do “Torneo de Voleibol Cidade de Narón”. A cita deportiva, na que participarán algo máis de trinta equipos de sete clubs, será a partir das 9.00 horas e ata as 21.00, disputándose os partidos das diferentes categorías de xeito ininterrompido, tal e como indicou Oreona. O edil destacou o traballo que realiza o club naronés e ofreceu a colaboración do Concello para continuar desenvolvendo este tipo de actividades deportivas e promocionar o deporte de base.
O Concello de Narón colabora neste evento deportivo, no que participarán, a maiores do club local, o Narón Volea, os clubs de voleibol Calasancias, Emevé Lugo, Liceo La Paz, Oleiros, Santa María del Mar e Voley Playa Lugo. Haberá categorías prebenxamín, benxamín, infantil e alevín –masculinas e femininas, en función do equipo- e xogarase en tres pistas varias categorías ao mesmo tempo, apuntou Eva Romero. Así mesmo, a última hora, antes da entrega de trofeos haberá unha exhibición a cargo de Tedaga.
Romero destacou a implicación do Concello de Narón co club e amosou a súa confianza en poder organizar o trofeo en vindeiras edicións en dous pavillóns para poder acoller máis xente. No transcurso desta convocatoria, dende o club ofrecerán comida, bebida e froita aos participantes.
Oreona animou ás veciñas e veciños a acudir a este evento deportivo para animar aos clubs participantes, aos que desexou moita sorte para poder gañar este trofeo.



Últimas noticias
ABERTO O PRAZO DE PREINSCRICIÓN PARA CONSTITUÍR UN NOVO GRUPO DE IOGA A TRAVÉS DO SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES
O PAVILLÓN MUNICIPAL CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO GALEGO DE TENIS DE MESA
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA CARREIRA E ANDAINA "EN MARCHA POLA IGUALDADE CIDADE DE NARÓN" ORGANIZADA POLO CONCELLO CON MOTIVO DO 8-M
O PAVILLÓN MUNICIPAL CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O "IX TORNEO CIDADE DE NARÓN DE ESGRIMA HISTÓRICA"
O CONCELLO DESTINA UNS 80.000 EUROS A ACTUACIÓNS DE MELLORA DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E Á CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA DE TIRO CON ARCO NO POLÍGONO DE RÍO DO POZO

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal