Concello de Narón
Novas
O SERVIZO DE DEPORTES MANTÉN ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA "DEPORNADAL"
O edil de Deportes, José Oreona, incidiu en que ofrecen, en colaboración con diferentes clubs, un total de dez modalidades deportivas para menores de 6 a 12 anos
Narón, 13 de decembro de 2019. O Servizo de Deportes de Narón mantén aberto o prazo para inscribirse –ata o día 19 deste mes- nas actividades deportivas do programa municipal DeporNadal, unha das propostas de conciliación da vida laboral e familiar do Concello, tal e como indicou o edil de Deportes, José Oreona. Nesta ocasión ofértanse un total de dez actividades: balonmán, natación, tiro con arco, fútbol sala, xadrez, tenis de mesa, voleibol, baloncesto, atletismo e golf. “Diríxense a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos empadroados en Narón e todas elas son de balde, polo que queremos agradecer especialmente a colaboración que un ano máis nos brindan as diferentes entidades deportivas para poder ofrecer este programa á cidadanía”, subliñou Oreona. As actividades comezarán o luns 23, con balonmán, de 10.00 a 11.30 e, a continuación, de 11.30 a 13.00 será o turno de natación, ambas nas instalacións do complexo polideportivo da Gándara. O xoves 26 serán as de tiro con arco de 10.00 a 11.30 e fútbol sala, de 11.30 a 13.00, no Pavillón da Mocidade as dúas, e o venres 27 terán lugar as sesións de xadrez, de 10.30 a 12.30 no Centro Cívico Social de Domirón, no Alto do Castiñeiro. A seguinte semana retomaranse as actividades deportivas o luns 30, con tenis de mesa -10.00 a 11.30- e voleibol -11.30 a 13.00- nas instalacións do Pavillón Campo da Serra; o xoves 2 de xaneiro haberá baloncesto -10.00 a 11.30- e atletismo -11.30 a 13.00- no complexo polideportivo da Gándara, e, finalmente, o venres 3 terán lugar as sesións de golf, entre as 10.00 e as 13.00 horas, nas instalacións do Club de golf Campomar, no Val. Os pais, nais ou titores dos participantes deben encargarse de levar e recoller aos menores que participen nas actividades ao inicio e remate das mesmas e deberán levar roupa deportiva axeitada para cada actividade (no caso de natación deben saber nadar e levar bañador, gorro e chanclas), tal e como recordou o edil naronés. Oreona animou aos nenos e nenas aos que se dirixe este programa a inscribirse para poder practicar diferentes actividades deportivas nestas datas de Nadal, ben nalgunhas modalidades que xa practiquen ou noutras que lles sexan novidosas”.
www.naron.es