Novas
 
O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO "XXXIV MEMORIAL ADOLFO ROS-VOLTA Á RÍA"
A alcaldes da cidade, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada polo edil de Deportes de Narón, José Oreona, e as concelleiras de Deportes de Neda, Ángeles Puentes, e Fene, Tamara Miragaya
Narón, 20 de novembro de 2019. O Concello de Narón acolleu esta mañá a presentación da trixésimo cuarta edición da Carreira Popular Volta á Ría-Memorial “Adolfo Ros”. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, e as edís de Deportes de Neda e Fene, Ángela Puentes e Tamara Miragaya, respectivamente, estiveron presentes no acto. A carreira terá lugar o vindeiro 1 de decembro con saída programada ás 10.00 horas. Este evento deportivo organízase en colaboración cos concellos de Fene, Ferrol e Neda. As inscricións poden formalizarse, tal e como recordou Ferreiro, ata o vindeiro mércores, día 27 ás 23.59 horas, a través da web: www.ranckr.com. A proba está incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo e está aberta á participación de todos os atletas, federados ou non.
O punto de saída desta carreira popular será na estrada de Castela, nas inmediacións da Praza de Galicia e o percorrido será de media maratón, vinte e un quilómetros aproximadamente sobre asfalto, polos concellos de Narón, Neda, Fene e Ferrol. Na media maratón poderán participar as persoas nadas no ano 2001 e anteriores e para as categorías de menor idade estableceranse tramos de menor distancia. No caso da Sub 8 o percorrido será de 800 metros –con saída ás 10.45 horas-; a Sub 10 de 1000 metros –saída ás 10.35 horas-; de Sub 14 e Sub 12 de 2.000 metros –saída ás 10.20- e de Sub 18 e Sub 16 de 4.000 metros –saída ás 10.05 horas-.
O percorrido da carreira absoluta sairá das inmediacións da Praza de Galicia en dirección Neda para, a continuación ir pola Ponte de Xuvia, avenida de Xuvia e avenida de Algeciras cara ao Puntal. Dende ahí, pasará pola avenida de Conces, o Cruce da igrexa e a avenida das Pías, en Fene para chegar a Ferrol e ir cara á avenida do Mar e por Rúa Telleiras, estrada de Caranza, Irmandiños, Concepción Arenal e outros viais do municipio veciño para dirixirse á estrada de Castela e entrar de novo en Narón pola Ponte das Cabras ata as inmediacións da Praza de Galicia, na liña de meta.
Unha vez rematada a proba publicaranse as clasificacións na web da entidade cronometradora e repartiranse os trofeos para o gañador e gañadora absolutos da proba; para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da clasificación xeral da proba absoluta residentes en calquera dos catro concellos que coorganizan o evento, e para os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina, tanto absoluta como de menores. O acto de entrega dos premios terá lugar ás 13.00 horas no Auditorio municipal, na Praza de Galicia, debendo estar os premiados e premiadas no lugar indicado dez minutos antes do inicio do acto.
Os participantes disporán de servizo de duchas no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro (rúa Manuel Antonio, 9) e no complexo polideportivo municipal da Gándara (estrada da Gándara, 148).
Marián Ferreiro valorou un ano máis o traballo realizado para coorganizar entre os catro concellos este evento deportivo e recordou a figura de Adolfo Ros, deportista falecido aos 30 anos cando tentou salvar a vida a un grupo de menores arrastrados polo mar na praia ferrolá de Doniños no ano 1985. A alcaldesa da cidade animou ás persoas interesadas a inscribirse nesta proba que, un ano máis, indicou, apunta a un novo éxito en canto á participación.
O vindeiro ano o concello organizador do evento será Neda, tal e como indicou a concelleira responsable da área no citado municipio, Ágeles Puentes, que xunto con Tamara Miragaya, edil fenesa, destacou tamén a colaboración entre os catro concellos da ría.



Últimas noticias
PRESENTADA ESTA MAÑÁ NO CONCELLO A ´XXVII EDICIÓN DO TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN´
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA "CAMPAÑA DE INVERNO 2020" DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO "XXXIV MEMORIAL ADOLFO ROS-VOLTA Á RÍA"
MARIÁN FERREIRO ENTREGOU Á TRIATLETA SARA GUERRERO MANSO O PREMIO Á "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2019" NA "XXXI GALA DO DEPORTE"
MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPARON HOXE NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal