Concello de Narón
Novas
MÁIS DUN CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "XVI TROFEO DE TIRO CON ARCO CIDADE DE NARÓN"
O Concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado polo presidente e a secretaria do Club Arco Narón, Alberto López e Montse Vilela, respectivamente
Narón, 13 de novembro de 2019. Un total de 120 persoas inscribíronse para participar no “XVI Trofeo de Tiro con arco Cidade de Narón”. O concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente do Club Arco Narón, Alberto López, e a secretaria da citada entidade deportiva, Montse Vilela, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o día 23 de novembro nas instalacións do pavillón polideportivo Campo da Serra. Á cita está prevista a asistencia de recoñecidos arqueiros como Iria Grandal, Miguel Alvariño, Daniel Castro ou Alberto Blázquez, entre outros. O concelleiro de Deportes destacou que este ano a convocatoria, que figura no calendario oficial da Federación Galega de Tiro con Arco, foi designada como unha proba puntuable para o ranking galego e para formar o equipo autonómico nos vindeiros campionatos de España da especialidade. O presidente do Club Arco Narón explicou que en horario de mañá, a partir das 9.30 horas, será a competición das categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, se ben as Cadete-Junior, Sénior e Veterán se poderán ver en horario de tarde, a partir das 14.30 horas. Previamente procederase a rematar as pertinentes tandas de adestramento. Esa división responde, tal e como indicou López, á capacidade da liña de tiro, que será de 48 deportistas pola mañá e 96 pola tarde. Os participantes dispararán no round clasificatorio dúas series de trinta frechas en tandas de tres, tal e como figura nas bases desta convocatoria. Os representantes do Club Arco Narón, que conta cun total de 85 licencias, agradeceron a colaboración do Concello para organizar un ano máis este trofeo na cidade. Pola súa banda, o edil de Deportes animou á cidadanía a asistir a este evento, no que xogarán menores e adultos cun destacado nivel nesta práctica deportiva.
www.naron.es