Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA NA "I CARREIRA-ANDAINA SENDA ÁRTABRA POLA SAÚDE CARDIOVASCULAR"
A AVV Os Irmandiños do Val e o Club Atletismo Narón organizan o evento, que terá lugar o vindeiro 13 de outubro na parroquia do Val
Narón, 26 de setembro de 2019. O Concello de Narón colabora na primeira edición da Carreira e Andaina Solidaria Senda Ártabra pola saúde cardiovascular que organiza a AVV Os Irmandiños, do Val co Club Atletismo Narón. O edil de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado por Manuel Teijeiro e Margarida Leirachá, vicepresidente e secretaria, respectivamente, da citada entidade veciñal, e Miguel Soto, presidente do Club Atletismo Narón. A cita será o vindeiro 13 de outubro e as inscricións poderán realizarse a partir do vindeiro luns, día 30, na páxina web: www.carreirasgalegas.com. O prezo das inscricións é de seis euros para adultos e un euro para os nenos e nenas, tal e como indicaron dende a organización. A carreira absoluta –sub 18 a máster- terá un percorrido de 6.800 metros e partirá ás 10.00 horas das inmediacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, no Val. Así mesmo, deseñáronse outra de un quilómetros para sub 14 e sub 16 con saída ás 10.45; unha sub 12 de 500 metros que sairá ás 11.00; outra para sub 10 de 500 metros con saída ás 11.15; unha de sub 8 de 100 metros con saída ás 11.25 e, por último, outra para menores nados en 2014 e posteriores de 50 metros e con saída ás 11.30 horas. A absoluta partirá dende Chamorro cara á senda Ártabra, pasando por Pena Molexa e con chegada tamén xunto á citada asociación. A andaina, de cinco quilómetros, partirá tamén das inmediacións de Chamorro para dirixirse á Pena Molexa, baixar ata o convento de Baltar e regresar a Chamorro. Os participantes poderán utilizar as duchas do pavillón polideportivo do Val e tamén disporán de servizo de gardarroupa, tal e como apuntaron dende a Asociación de Veciños Os Irmandiños. As persoas que se inscriban recibirán unha camiseta técnica do evento, unha pulseira solidaria, Maruxas de nata, bebida e unha bolsa deportiva e optarán tamén a varios agasallos que se sortearán –a través dos dorsais e previamente-. Entre eses agasallos, que se entregarán a partir das 12.00 horas o propio dçia 13, haberá dúas láminas do pintor Leandro Lamas, lotes de queixo, Maruxas de nata, unha experiencia 4x4, un lote Biosporty e unha fin de semana nun camping. Margarida Leirachá explicou que a través deste evento colaborase cunha causa solidaria, que é conseguir un desfibrilador, para o que se venderán pulseiras a través da iniciativa da ONG Proxecto Salvavidas. “Conxugamos a través deste evento a solidariedade coa práctica do deporte e a posta en valor do patrimonio da parroquia do Val”, explicou, animando á veciñanza a participar e agradecendo a colaboración do Concello, do Club Atletismo Narón e das empresas e entidades que se sumaron á convocatoria. Dende o citado club o seu presidente destacou tamén a importancia deste evento e amosou a disposición a colaborar neste tipo de carreiras e andainas, valorando o apartado solidario das mesmas. O concelleiro de Deportes, José Oreona, tamén agradeceu o traballo da AVV Os Irmandiños e do Club de Atletismo Narón e do resto de entidades e destacou que a cita “representará unha excelente oportunidade para practicar deporte entre persoas de diferentes idades e tamén de dar a coñecer a riqueza natural e patrimonial da cidade, nesta ocasión en concreto da parroquia do Val”. Oreona animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a inscribirse na carreira e andaina solidarias. Para solicitar máis información pódese escribir un correo á dirección: av.osirmandinos@gmail.com ou chamar ao número de teléfono: 722 271 075.
www.naron.es