Concello de Narón
Novas
O CONCELLO DESTINOU ESTE ANO MÁIS DE 125.000 EUROS A MELLORAS EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou os traballos realizados tanto en instalacións da zona urbana como rural
Narón, 21 de setembro de 2019. O Concello destinou no que vai de ano unha partida de 126.373 euros, dende as concellerías de Deportes e Servizos a acometer traballos de mellora de varias instalacións deportivas municipais, tanto na zona urbana como na rural. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asegurou que se trata dun investimento “que nos permitiu acometer unha serie de actuacións que precisaban estas instalacións e que, unha vez realizadas, melloran a calidade do servizo que viñan prestando ás nosas veciñas e veciños e tamén a xente doutros concellos que fai uso das mesmas”. A rexedora local desprazouse a finais desta semana cos edís de Deportes, José Oreona e Servizos, Ibán Santalla, ás instalacións municipais nas que se realizaron estas intervencións. Ferreiro explicou que “as partidas máis elevadas foron para o acondicionamento das paredes da piscina cuberta climatizada do pavillón polideportivo da Gándara, unha tarefa que rematou recentemente e que permitiu reabrir esta misma semana as instalacións para o baño libre con tódalas garantías do recinto”. A estes traballos, tal e como indicou a alcaldesa, destinouse unha partida de 15.730 euros. “Era unha tarefa pendente que se acometeu o pasado mes de agosto, aproveitando o peche do vaso da piscina para evitar causar molestias aos usuarios e usuarias noutra época do ano”, apuntou. A maiores, tamén nas citadas instalacións, recordou, adquiriuse un novo marcador cunha pantalla de dez metros cadrados valorado en 21.000 euros, construíuse un baño adaptado na zona do vaso terapéutico da piscina da Gándara, por un importe de 8.749 euros, investíronse 3.500 noutra reparación dese vaso e substituíuse o falso teito e o acceso a gradas, orzamentados estes últimos traballos en 5.866 euros. Así mesmo, no Estadio Municipal de Río Seco, explicou, “procedeuse a substituír os sumideiros dos accesos do campo de fútbol, unha intervención que supuxo un investimento de 9.200 euros e que se completou nas citadas instalacións con outras tarefas menores, como o pintado da valla exterior do recinto -5.139 euros-, a reparación do falso teito da entrada principal do estadio -1.554 euros-, o saneado e pintado do interior das oficinas do estadio -2.726 euros- e outras reparacións -700 euros-”. “Neste estadio municipal de Río Seco fixemos dende o Concello un investimento moi importante e que mellorou considerablemente o estado das instalacións, cunha renovación importante tanto no seu exterior como no interior”, recalcou Ferreiro. En canto ao resto de intervencións que se levaron a cabo, a alcaldesa citou tamén o pintado da pista polideportiva do pavillón do Val, investindo 6.624 euros; a substitución do canalón da cuberta dos vestiarios e o frisado da xunta de encontro da cuberta do Pavillón da Mocidade -5.585 euros-. A maiores, no que vai de ano tamén se executaron obras menores noutras instalacións deportivas municipais valoradas en conxunto nuns 40.000 euros, tal e como indicou a alcaldesa. “Sempre dicimos que Narón é deporte e aí está o bo traballo que se realiza dende o Concello tamén nesta área, tanto en materia de formación como da organización e colaboración en diferentes probas deportivas”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa da cidade subliñou que “dende o goberno local continuaremos apostando polo deporte e ofrecendo ás nosas veciñas e veciños servizos de calidade e, na medida do posible, incrementalos na medida do posible, tal e como fixemos no último ano construíndo tres pistas multideporte e un circuíto de pump truck”. “Ese é un dos nosos compromisos e seguiremos avanzando nesta liña”, recalcou Ferreiro.
www.naron.es