Novas
 
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "XII TORNEO DE XADREZ ODEÓN-CIDADE DE NARÓN"
O concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, presentou esta mañá o evento acompañado por Cristina Imaz, xerente de Odeón, e Juan Manuel Caneiro e Juan Francisco Rodríguez, presidente e vocal, respectivamente, do Círculo Xadrez Narón
Narón, 20 de setembro de 2019. O Concello de Narón colabora co Círculo Xadrez Narón e co Centro Comercial Odeón no “XII Torneo de xadrez Odeón-Cidade de Narón” que se levará a cabo os días 11 e 12 de outubro no Centro Comercial Odeón. O edil de Deportes, José Oreona, a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, e Juan Manuel Caneiro e Juan Francisco Rodríguez, presidente e vocal, respectivamente, do Círculo Xadrez Narón, presentaron esta mañá o evento no Concello. O prazo de inscrición –de balde- está xa aberto –se ben tamén será posible anotarse os días do torneo en Odeón- podendo facelo a través do mail: xadreznaron@hotmail.com e dos teléfonos 658 170 577 e 666 391 163.
O venres día 11 terá lugar o torneo Xadrez 960/Fisher Random (sete roldas), unha das novidades deste ano, tal e como indicou o presidente do club naronés. “Neste torneo sortéase a posición das pezas da primeira fila, pero as regras son as mesmas que nos outros torneos”, indicou. As inscricións en Odeón poden facerse a partir das 19.00 horas e o torneo dará comezo ás 19.15. Na xornada do sábado 12 será o torneo Xadrez Lóstrego, con oito roldas e con peche da inscrición ás 12.00 horas para dar comezo ás 12.15 pola mañá (catro roldas) e ás 16.30 pola tarde (outras catro roldas). Haberá premios para as categorías Promesas, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Absoluto.
Juan Manuel Caneiro e Juan Francisco Rodríguez agradeceron a colaboración tanto do Concello como de Odeón, na súa aposta por este deporte, por fomentalo e darlle visibilidade. Pola súa banda, a xerente de Odeón recordou que “levamos doce anos apoiando este torneo e continuaremos apoiándoo, ao igual que facemos con outras actividades deportivas, culturais e musicais de entidades de Narón”. Imaz destacou a importancia de que os nenos e nenas coñezan e practiquen este deporte.
O concelleiro de Deportes, José Oreona, tamén confirmou a colaboración do Concello a este tipo de actividades. “Non é un deporte maioritario pero é igualmente importante dalo a coñecer”, asegurou o edil, agradecendo “o traballo que realiza o Círculo Xadrez Narón durante todo o ano e tamén o respaldo de Odeón e a súa colaboración e implicación co deporte de Narón”.
Finalmente, Oreona animou á cidadanía a participar neste torneo ou acudir a ver aos xogadores e xogadoras.



Últimas noticias
O CONCELLO PRESENTOU UN NOVO CLUB DE PESCA DA CIDADE, O "ESPIÑAZO NARÓN FISHING"
O CONCELLO COLABORA COA ANPA "ACIBRO" DO COLEXIO JORGE JUAN NA "I CARREIRA-ANDAINA CORAZÓN ACIBRO"
O CONCELLO RETOMARÁ ESTE MES O PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" CUNHA ANDAINA CIRCULAR POLO TERMO MUNICIPAL NARONÉS
A ALCALDESA E O EDIL DE DEPORTES PARTICIPARON NO ACTO DE ENTREGA DE TROFEOS DA TERCEIRA FASE DA COPA DE ESPAÑA DE XIMNASIA ESTÉTICA
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON ENTIDADES DEPORTIVAS DA CIDADE POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 196.000 EUROS

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal