Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E O CLUB NHD ADVENTURE ORGANIZAN A "I CARREIRA DE OBSTÁCULOS CIDADE DE NARÓN"
O edil de Deportes, José Oreona, e o tesoureiro do club NHD Adventure, Jorge Prieto, presentaron esta mañá o evento no Concello
Narón, 29 de agosto de 2019. O Concello colabora co club NHD Adventure na organización da “I Carreira de obstáculos OCR Cidade de Narón”. O edil responsable da área de Deportes, José Oreona, e Jorge Prieto, tesoureiro do club NHD Adventure, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o vindeiro 8 de setembro na pista de obstáculos de Narón, localizada no polígono de Río do Pozo. A maiores da parcela do club ocuparanse con obstáculos outras dúas anexas, ata completar un percorrido de sete quilómetros. Prieto explicou que se estableceron un total de catro categorías: Élite, Popular, Equipos (entre 5 e 9 corredores/as) e Kids, esta última programada nun circuíto de obstáculos especial para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos. Este circuíto para menores localizarase nas inmediacións da zona de saída e terá percorridos de entre 250 e 400 metros e de 8 a 10 obstáculos para os menores de entre 4 e 7 anos e de 450 a 700 metros e con entre 10 e 12 obstáculos para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos. Para o resto de categorías o circuíto constará dunha distancia de sete quilómetros e terá entre 26 e 29 obstáculos. As saídas da categoría Élite serán a partir das 10.00 horas; as da Popular ás 11.00; as de Kids ás 12.45 (de 4 a 7 anos) e 13.15 (de 8 a 11 anos) e as de Equipos tamén a partir das 10.00. O circuíto constará de fosos, barro, zonas de auga e túneles, entre outros elementos que non se desvelaron dende a organización, para que os asistentes disfruten ao máximo deste evento deportivo. Entregaranse premios aos tres primeiros clasificados das categorías masculina e feminina de Élite e Popular e tamén aos tres primeiros equipos populares e a todos os “finisher” da proba en todas as categorías. As persoas interesadas en inscribirse na “Carreira de obstáculos OCR Cidade de Narón” poderán facelo ata o día 1 de setembro, incluído, a través das páxinas web: www.championchinorte ou www.ocragalicia.com, donde se pode consultar a regulamentación deste evento deportivo. Prieto agradeceu a colaboración do Concello e a súa aposta por esta iniciativa pioneira impulsada dende o club naronés e animou á cidadanía a inscribirse na carreira. Finalmente o concelleiro de Deportes destacou o traballo realizado para organizar o evento e recalcou “a aposta do goberno local por ofrecer novas actividades e propostas nesta área de deportes ás nosas veciñas e veciños e tamén á xente chegada doutros concellos”.
www.naron.es