Novas
 
O CONCELLO E O CLUB DE ATLETISMO NARÓN COLABORAN NA TERCEIRA EDICIÓN DAS "OLIMPÍADAS CONFURCO 2019" ORGANIZADAS POR ASFEDRO
As olimpíadas inauguraranse mañá na sede de Asfedro e o xoves día 29 terá lugar a cita co atletismo no Estadio municipal de Río Seco, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, José Oreona
Narón, 27 de agosto de 2019. O Concello e o Club de Atletismo Narón colaboran na terceira edición das "Olimpíadas Confurco 2019" organizadas pola Asociación Ferrolterra de Drogodependencia (Asfedro) co obxectivo de promocionar o deporte como recurso para recuperar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida. Os edís de Deportes e Sanidade, José Oreona e Santiago Galego, respectivamente, presentaron hoxe a convocatoria xunto con Sari Alabau, presidenta de Asfedro, Rebeca Graña, educadora social da entidade, Juan Oruezabala, da xunta directiva de Asfedro, e Roberto Tuimil, secretario do Club de Atletismo Narón. Un total de catorce persoas, das dezasete que están no centro de Asfedro, participarán nestas Olimpíadas Confurco 2019, que se inauguran mañá cunha competición de voleibol nas instalacións da citada entidade que dará comezo ás 10.00 horas.
O concelleiro de Deportes naronés explicou que nestas olimpíadas se abordarán, a maiores do voleibol, modalidades deportivas como o atletismo, o fútbol sala e o baloncesto. No caso de Narón, o vindeiro xoves, día 29, terá lugar a competición de atletismo, con salto de lonxitude, lanzamento de peso e carreiras de 100 metros, 1.500 metros e relevos. As probas darán comezo ás 10.00 horas no Estadio municipal de Río Seco, tal e como avanzou Oreona.
Esta convocatoria deportiva continuará o venres día 30 cunha competición de fútbol sala e o martes 3 de setembro coa correspondente a baloncesto 3x3, tamén, ambas citas a partir das 10.00 horas nas instalacións de Asfedro. A clausura da convocatoria terá lugar, tal e como apuntou Rebeca Graña, o mércores día 4 cunhas Olimpíadas culturais, no transcurso das que se entregarán diplomas e medallas aos participantes neste evento.
“Dende Asfedro estamos moi agradecidos porque pensamos que se lle dá visibilidade a esta actividade que alcanza a súa terceira edición e tendo en conta que traballamos moito o deporte na comunidade, este é o colofón do ano e forma parte tamén da terapia de recuperación dos residentes da comunidade”, recalcou Sari Alabau, que valorou tamén o resto de colaboracións –charlas de prevención en institutos, Escolas de pais e nais…- que se prestan ao longo do ano dende o Concello de Narón, que mantén un convenio coa entidade.
Así mesmo, a Educadora Social de Asfedro explicou que esta iniciativa “xorde como fonte de motivación para promocionar a saúde e tamén para fomentar o deporte dentro da comunidade”. O das Olimpíadas é un proxecto completo porque o esforzo é tamén unha carreira de fondo e facer o tratamento na comunidade require moito esforzo, moita loita, constancia… e o deporte engloba moitos valores polo que pensamos en facer estas olimpíadas”, asegurou Rebeca Graña.
En canto á colaboración do Club de Atletismo Narón, o seu representante, Roberto Tuimil, destacou que este ano dende o club, despois de tres décadas de traballo, “estamos impulsando un proxecto renovador e diferente para promocionar o atletismo e queremos continuar colaborando con proxectos como este de Asfedro, de carácter social e aportar o noso gran de area”.
O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, destacou “a gran labor que fai Asfedro en materia de prevención e en xeral en tódolos eventos que organiza, como neste caso vencellados ao deporte e aos bos hábitos, axudando á xente con problemas a asumir un reto e superalo”.
Finalmente, o concelleiro de Deportes, José Oreona, destacou o traballo realizado por Asfedro e o Club Atletismo Narón e brindou a colaboración do goberno local a este tipo de iniciativas.


Descarga de archivos
Cartaz "Olimpíadas Confurco 2019"Tamaño:
1,05 MB
Descargar


Últimas noticias
O CONCELLEIRO DE DEPORTES DESPRAZOUSE AO ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO CON MOTIVO DAS OLIMPÍADAS CONFURCO 2019
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "VI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL CIDADE DE NARÓN "NARÓN-FREIXO"
O CONCELLO COLABORA CO CLUB NHD ADVENTURE NA ORGANIZACIÓN DA "II QUEDADA NHD ADVENTURE"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "II OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN"
ALGO MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "X CAMPIONATO DE TENIS DE MESA POLA SAÚDE MENTAL"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal