Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NA II CARREIRA NOCTURNA "CIDADE DE NARÓN"
O evento deportivo, presentado esta mañá no Concello, celebrarase o vindeiro 17 de agosto no entorno da Praza de Galicia
Narón, 29 de xullo de 2019. A cidade acollerá o vindeiro día 17 de agosto a segunda edición da Carreira nocturna Cidade de Narón. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e Xurxo Gómez e Arantza Rivas, do club deportivo "Pasa ou entorna", presentaron esta mañá o evento, para o que está aberto o prazo de inscrición. As persoas interesadas en participar deberán anotarse a través da web: http://inscripciones.ranckr.com/es/evento/ii-carreira-nocturna-cidade-de-naron, tendo de prazo ata o día 15 de agosto e cun límite de 500 inscritos. O evento dará comezo ás 21.30 horas e a chegada e a saída, ao igual que na anterior edición fixáronse na Praza de Galicia. Esta proba discorrerá por varias rúas da zona urbana da cidade, cun percorrido de sete quilómetros que realizarán os inscritos nas diferentes categorías –Senior, Veterán A, Veterán B e Veterán C-. Haberá tamén, como novidade, carreiras para os menores de 18 anos, concretamente para nenos e nenas nados entre 2004 e 2015 ¬–Gazapos, Coelliños, Coellos e Lebres-, con percorridos de entre 90 metros e 1,2 quilómetros según a idade. Tamén como novidade habilitouse un tramo cronometrado para as categorías de adultos, “A Picotiña”, que estará delimitado e dunha distancia de 400 metros. O representante do club deportivo "Pasa ou entorna" agradeceu a colaboración do Concello de Narón para poder convocar un ano máis este evento deportivo na cidade, que reuniu o ano pasado a algo máis de 300 persoas. Tamén destacou a implicación dos establecementos colaboradoradores e do persoal voluntario. Así mesmo, o concelleiro de Deportes destacou o éxito da anterior edición e animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a inscribirse nesta Carreira nocturna, un evento diferente e no que se repartirán varios premios para os primeiros clasificados en cada proba e para as diferentes categorías e donde se sortearán agasallos entre as persoas inscritas. “É unha ledicia que este evento teña continuidade, polo que dende o Concello de Narón continuaremos respaldándoo para poder celebrar novas edicións na nosa cidade”, asegurou Oreona.
www.naron.es