Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ÚLTIMA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A cita será o vindeiro 16 de xuño e rematará cunha camiñata na área recreativa de Pedroso
Narón, 29 de maio de 2019. O programa municipal Ponte en ruta con nós, organizado polo Concello, rematará o vindeiro día 16 de xuño coa tradicional andaina de final de programa, que discurre cada ano entre o edificio do antigo Concello de Xuvia e a área recreativa de Pedroso, pola marxe do río. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o vindeiro 12 de xuño, tal e como recordou o concelleiro de Deportes en funcións, Román Romero. Os participantes rematarán a convocatoria cun xantar de confraternidade -polo que abonarán 15 euros no caso dos adultos e 7 os nenos e nenas (ata 12 anos)-, a base de paella, churrasco, café e postre. As inscricións deben formalizarse no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres entre as 9.00 e as 13.00. Román Romero, animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, “coa que pecharemos unha nova e exitosa edición deste programa municipal que cada ano respaldan centos de veciñas e veciños da nosa cidade e tamén xente doutros concellos”. O percorrido será duns sete quilómetros e durante o traxecto os camiñantes realizarán algunha parada para o avituallamento, antes de chegar á área recreativa de Pedroso. O percorrido de regreso correrá a cargo dos participantes, co que se porá un bus a disposición das persoas interesadas en deixar o seu vehículo pola mañá na área recreativa de Pedroso e levalos ao punto de inicio da andaina. O bus sairá ás 10.30 horas dende a área recreativa cara ao antigo Consistorio de Xuvia. As andainas desta cuarta edición do programa Ponte en ruta con nós iniciáronse o pasado 28 de outubro e programáronse con periodicidade mensual, excepto en decembro. En total deseñáronse oito saídas: volta á ría; Río Castro, Castelo de Narahío; Castelo da Palma-Mosteiro de Santa Catalina; Ruta dos Muíños de Esmelle; Ruta do Belelle; Ruta das Praias (de Covas a Prioriño); Ruta das Fragas da Ribeira e, finalmente a do vindeiro 16 de xuño.
www.naron.es