Concello de Narón
Novas
MÁIS DE DUASCENTAS PERSOAS ASISTIRON A UNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os camiñantes desprazáronse pola zona da Capela ata a fervenza do Belelle, en Neda
Narón, 31 de marzo de 2019. Un total de 252 persoas participaron esta mañá na quinta andaina do programa municipal Ponte en ruta con nós. A Ruta do Belelle foi o tramo elixido para a camiñata desta mañá, discurrindo pola zona da Capela e chegando ata a fervenza do Belelle, en Neda. Os camiñantes desfrutaron durante algo máis de tres horas dunha paisaxe na que as árbores autóctonas e o río Belelle cobraron gran protagonismo. As andainas deste programa continuarán o vindeiro mes de abril, concretamente o día 28, cunha proposta que levará aos participantes pola coñecida como Ruta das Praias, entre Covas e Prioriño. A saída será novamente do pavillón polideportivo da Gándara –ás 9.00 horas- ata o punto de inicio da ruta e o tramo a percorrer é duns 16,5 quilómetros e dunha dificultade alta. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir de mañá, día 1 de abril, no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres 9.00 a 13.00. No momento de inscribirse é preciso pagar tres euros, unha cantidade coa que se sufragan os gastos de desprazamento en autobús desde o polideportivo da Gándara ata o punto de inicio de cada camiñata e a viaxe de regreso desde o remate da ruta ata o pavillón da Gándara. O programa municipal Ponte en ruta con nós iniciouse nesta cuarta edición o pasado 28 de outubro, e rematará vindeiro 30 de xuño. Cada mes, excepto en decembro, programouse unha ruta, quedando pendientes as que discurrirán o 28 de abril pola Ruta das Praias; a do día 19 de maio polas Fragas da Ribeira (As Pontes) e, finalmente, o 30 de xuño desde a zona de Xuvia ata o muíño de Pedroso. O obxectivo deste programa municipal é erradicar o sedentarismo, incentivando a práctica de exercicio ao aire libre, ao tempo que dar a coñecer o contorno natural e patrimonial de Narón e doutros concellos da comarca.
www.naron.es