Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA COA REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL E A SDCR NARÓN-O FREIXO NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL SALA
As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir de hoxe, tal e como indicou o edil de Deportes, Román Romero
Narón, 20 de marzo de 2019. A Escola Galega de Adestradores, en colaboración co Concello e o clube local Narón-O Freixo organiza un Curso de monitor de fútbol sala que se impartirá entre o 2 de abril e o 22 de maio nas instalacións da SDCR Narón–O Freixo. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Juan Luis Villamisar, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF); Manuel Mesa, delegado en Ferrol da RFGF; Pablo Prieto, presidente do Comité Galego de fútbol sala e Juan Rey, presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo. O edil naronés valorou a confianza depositada no Concello para celebrar aquí este curso e asegurou que “estamos abertos a calquera tipo de colaboración nesta área”, ao tempo que animou ás persoas interesadas a inscribirse, a partir de hoxe. Os organizadores explicaron que con este curso se poderá obter a ensinanza que se acreditará cun diploma, proporcionando ao alumnado a formación que lle permita adquirir os coñecementos axeitados e habilidades para desenvolver o seu labor nas Federacións. Pablo Prieto explicou que con este curso, de 66 horas de duración e impartido por profesorado de alto nivel, os asistentes obterán a titulación mínima esixida para adestrar nas categorías autonómicas. Así mesmo, indicou que poden acudir persoas con titulacións anteriores da Federación, a modo de xornada de actualización e realizando a metade da carga lectiva. O curso impartirase do 2 de abril ao 22 de maio, os martes –de 19.30 a 23.00 horas- e os mércores e xoves –de 20.30 a 23.00-. As persoas interesadas en anotarse poden facelo desde hoxe a través do enlace: http://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_EE_GstInscripcion?cod_primaria=5000446. Prieto destacou que o curso se impartirá “nas instalacións dun dos clubes históricos de Narón de fútbol e fútbol sala”, ao que agradeceu a cesión das instalacións e a loxística. Pola súa banda, Manuel Mesa valorou a colaboración do Concello de Narón “en calquera evento que queremos organizar desde a delegación da FGF, un aspecto no que coincidiu Juan Luis Villamisar.
www.naron.es