Novas
 
MÁIS DE 250 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO SÁBADO NO XXVI TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN
O complexo polideportivo da Gándara acollerá a cita, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde
Narón, 20 de novembro de 2018. O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron esta mañá o XXVI Trofeo de Natación Cidade de Narón, que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 24, nas instalacións do Complexo Polideportivo da Gándara. A Agrupación Deportiva Náutico de Narón organiza esta proba, en colaboración co Concello e con entrada de balde.
A cita será en horario de mañá e tarde, a partir das 11.00 e desde as 17.30, e estarán presentes un total de dezasete clubes, tal e como apuntou Guerrero. Serán nesta ocasión os clubes de Natación Xove, Portamiñá (Lugo), Arteixo, Ciudad de Santiago, USC de Santiago, Arzúa, Cedeira, Ferrol, Marina Ferrol, Pabellón Ourense, Riveira, Redondela, Coruña, Galaico e as agrupacións deportivas Fogar, Tri Oleiros e Náutico de Narón. Este ano, tal e como indicou o presidente desta última agrupación deportiva, “recuperouse o formato de competición en horario de mañá e de tarde, unha decisión que obtivo moi boa acollida por parte dos clubes e que nos permitiu aumentar considerablemente o número de participantes neste evento”.
Guerrero aludiu a algúns dos deportistas máis destacados que participarán neste trofeo de natación, citando a Adrian Haz (Tri Oleiros), Henar Cons (CN Galaico), Raquel Cando (CN Portamiñá), Juan González (CN Coruña), Clara López, Nerea López (CN Ferrol), Miguel Gracia, Bruno Ferrreiro, e Icía López (Náutico Narón), Igor Arce, Alejandro Pasareti, Raquel Fernández (Ciudad de Santiago) e Raúl Segade (CN Arzúa). Ademais do trofeo por clubes, o Náutico de Narón tamén outorgará o XVI Memorial Javier Lago á mellor marca individual, en homenaxe ao malogrado nadador naronés que lle dá nome a este premio, recordou Guerrero.
O presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón destacou a implicación do Concello e a súa colaboración nos eventos que organiza a entidade. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes destacou “o elevado nivel dos deportistas do Náutico de Narón”, aos que lles desexou sorte neste trofeo e tamén no resto de probas deportivas nas que participen. Así mesmo, o edil convidou á veciñanza a acudir o vindeiro sábado a esta cita deportiva para animar aos participantes.



Últimas noticias
O CONCELLEIRO DE DEPORTES DESPRAZOUSE AO ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO CON MOTIVO DAS OLIMPÍADAS CONFURCO 2019
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "VI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL CIDADE DE NARÓN "NARÓN-FREIXO"
O CONCELLO COLABORA CO CLUB NHD ADVENTURE NA ORGANIZACIÓN DA "II QUEDADA NHD ADVENTURE"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "II OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN"
ALGO MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "X CAMPIONATO DE TENIS DE MESA POLA SAÚDE MENTAL"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal