Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON CINCO ENTIDADES DEPORTIVAS LOCAIS POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 102.000 EUROS
Marián Ferreiro estivo acompañada no acto polo concelleiro de Deportes, Román Romero
Narón, 1 de outubro de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou esta mañá convenios con cinco entidades deportivas do municipio por un importe conxunto de 102.000 euros. O concelleiro responsable da área, Román Romero, asistiu tamén á convocatoria, na que os representantes do gobeno local destacaron a traxectoria e os éxitos acadados polos deportistas naroneses nas diferentes disciplinas. Acudiron á sinatura os presidentes dos cinco clubes cos que se rubricaron hoxe os acordos: José Ramón Padín, do Cidade de Narón; Rubén Fernández, do Balonmán Narón; Xoan Manoel Ramos, do clube Deportivo Narón; Plácido Vicente Armada, do Voleibol Narón Volea e Fernando Montero, do Tenis de Mesa Cidade de Narón. Todos eles agradeceron as achegas que o Concello destina ás súas respectivas entidades deportivas, en canto ao que lles supoñen de cara a poder continuar traballando a prol do deporte na localidade con numerosas veciñas e veciños da cidade. A alcaldesa e o concelleiro de Deportes incidiron no feito de que a cidade conte “cun importante número de clubes deportivos que ano tras ano levan o nome de Narón por outros concellos de Galicia e tamén doutras Comunidades, dando a coñecer o intenso traballo que realizades e traendo á que é a vosa cidade numerosos éxitos dos que as naronesas e os naroneses nos sentimos especialmente orgullosos”. Tanto Marián Ferreiro como Román Romero comprometeron o respaldo do goberno local “ás iniciativas que se impulsen desde esta cidade para fomentar o deporte e ofrecer ás nosas veciñas e veciños un amplo abano de opcións á hora de practicar algunha das modalidades entre as que se pode elixir”.
www.naron.es