Concello de Narón
Novas
AS INMEDIACIÓNS DO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA ACOLLERÁN ESTA FIN DE SEMANA O TRISHARK 2018
A alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, e Francisco Villanueva, da Federación Galega de Triatlón, presentaron o evento, que se desenvolverá o 11 de agosto
Narón, 8 de agosto de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón, Amando Guerrero e Francisco Villanueva da Federación Galega de Triatlón (Fegatri) presentaron esta mañá o Trishark 2018 que terá lugar este sábado, día 11, nas inmediacións do paseo marítimo de Xuvia. Case 300 deportistas daranse cita o vindeiro sábado no paseo marítimo de Xuvia para disputar esta proba, Gran Premio Toyota Breogán Motor. O Náutico de Narón recuperaba o ano pasado este evento despois de case vinte e cinco anos fóra do calendario deportivo galego. Nesta segunda edición é de destacar a participación deportistas de nivel nacional e internacional como son: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) campiona de España elite e vencedora no Trishark 2017; Joselyn Brea (Tri- Penta de Lugo), a venezolana que se atopa á espera da nacionalidade española e que xa se proclamou campiona galega de dúatlon o pasado mes de abril en Narón e quinta no Campionato de España de Triatlón; Edymar Brea (Tri- Penta de Lugo) subcampiona galega de dúatlon, a internacional Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), Paula Ferreiro, Marta Barbeiro e Ana Santiso (Náutico Narón); as cadetes Carla Guisande (Fluvial de Lugo) e Henar Alonso (Galaico) terceira e cuarta respectivamente no campionato de España cadete. Na proba masculina o cartel tamén será de autentico luxo: o Valenciano Javier Lluch (Fluvial de Lugo) terceiro no campionato de España elite; Andrés Cendán,(Fluvial de Lugo) terceiro no Campionato de España elite de acuatlón; Esteban Basanta, (Fluvial de Lugo) Campión de España cadete; o Naronés Brais Canosa ( Inforhouse Santiago) campión galego de dúatlon; Antón Ruanova que nas dúas últimas tempada corre baixo bandeira brasileira; Diego Paz, Alejandro Canas (Inforhouse de Santiago); Nico Domínguez (Disa HPS de Gran Canaria), Carlos Brión e Jorge González (Riveira); Pablo Ortega (Lugones) campión asturiano de acuatlón; José Luis Bodalo (Bicicletas Pina de Toledo), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol), o inglés especialista en longa distancia Colin Widhtgam (Mersey Tri). Ademais dos nomes propios mencionados haberá presenza de mais de vinte clubes, na súa maioría galegos, e tamén de Asturias, León, Castellón, Navarra, e Cádiz. Nesta edición completouse a inscrición prevista, quedando pechada a mesma hai varios días. A competición dará comezo ás 16.15 horas coa disputa dunha proba popular en distancia supersprint (300 natación; 12 km de bicicleta e 2,5 de carreira). Mentres a proba principal disputarase formato sprint (750 natación; 24 bicileta e 5 de carreira) sendo a saída da proba feminina ás 17.15 horas, e a masculina ás 17.30 horas. A proba naronesa busca facerse un oco entre os tríatlons de prestixio nacional. Desenvolverase no paseo marítimo de Xuvia, un marco incomparable para a práctica deportiva. A proba ademais do respaldo do Concello de Narón e Federación Galega de Tríatlon conta coa colaboración de pequenas empresas de Ferrolterra, así como o patrocinio da bebida ISEATONIC, bebida galega para deportista que se prepara con auga mariña. A alcaldesa de Narón amosou o seu agradecemento á A.D.Náutico Narón polo bo traballo que durante todo o ano ven desenvolvendo no noso concello e animou á veciñanza a achegarse ata Xuvia para desfrutar desta proba deportiva. Dende o Concello tamén se informa, que debido ao desenvolvemento deste evento haberá diversos cortes de tráfico que afectarán tanto á estrada de Castela como a diferentes rúas do entorno do paseo marítimo de Xuvia, polo que se pide aos veciños e veciñas desculpas polas molestias ocasionadas así como a máxima colaboración para que a proba poida transcorrer sen incidencias.
Descarga de archivos
Cartaz
Tamaño:111,44 KB
Restricións tráfico rodado
Tamaño:105,03 KB
www.naron.es